A historia de película, e pola igualdade, das mulleres de Pontesa 

PONTEVEDRA CIUDAD

Un xuízo pendente e un capítulo pouco coñecido: o da reivindicación dos dereitos laborais das traballadoras das industrias fabrís galegas. Un documental recupera esta incrible historia na que elas foron pioneiras

08 mar 2021 . Actualizado a las 10:22 h.

«Sería unha pasada. Si. Aínda con 65 anos. Porque non te podes imaxinar. Entraches sendo unha rapaciña e as cousas foron sempre mellorando, gañando máis, que non había unha peseta. Soñas con ela, que pos o mandil e estás coas túas amigas. Porque pasabas máis tempo coas compañeiras que na casa. A vida foi para arriba. Iso márcate. Ter aquela masa nas mans. Facendo as tazas. Ti sabes como se soña de noite con ela!». O que Esther describe con amor e poesía ao outro lado do teléfono era o seu traballo na sección de fabricación dunha planta de porcelanas. Se lle preguntamos por un desexo, esta veciña de Pontesampaio (Pontevedra), que desde que casou con 18 anos vive ao lado, en Cesantes, resposta que volver á Pontesa. Esther García é unha das protagonistas da película de non ficción que se estrea en cines coincidindo case co 8 de marzo, será o día o 26. Nación, de Nós Produtora Cinematográfica Galega. Dirixida por Margarita Ledo, obtivo o Premio Especial á Mellor Dirección no Festival Internacional de Cine de Sevilla.

Esther.  Na fábrica, onde tamén comezou con 14 anos, foi sindicalista: «Gustoume loitar polos dereitos de todo o mundo».
Esther. Na fábrica, onde tamén comezou con 14 anos, foi sindicalista: «Gustoume loitar polos dereitos de todo o mundo». XOAN CARLOS GIL

UNHA FERIDA ABERTA

A historia non é un conflito pechado. Cando remata a película, antes dos títulos de crédito sobreimpresos nunha fonte de porcelana branca, unha mensaxe aclaratoria lembra que o persoal, abrumadoramente feminino, agarda por un novo xuízo. Reclaman a indemnización que, sosteñen, lles deben os donos actuais das naves. «Máis de dous millóns de euros. Hai compañeiras que teñen pendentes en salarios 13 millóns de pesetas. Son moitas nóminas sen cobrar», subliña Esther. Como as compañeiras que coprotagonizan o documental, xa tivo a oportunidade de verse na gran pantalla. Estaban afeitas a verse na televisión, manifestándose ou facendo unha folga de fame, pero nunca no cine.

«Gustoume moito. Nunca me imaxinei saíndo nunha película. Espero que nos axude cara ao xuízo que temos pendente. O último, desgraciadamente, perdémolo», confesa Nieves Pérez Lusquiños. Ela é outra das traballadoras da firma pontevedresa da que hoxe, en case todas as casas galegas, hai unha peza co estampado de Alfares de Pontesampaio no reverso. «Teño 67 anos, nacín no 53 e entrei con 14 anos na Pontesa. E encantoume. Miña irmá, que tiña 18, xa traballaba alí. Cando cobrei 400 pesetas a primeira semana, nun sobre, pensei que era rica. Estiven ata que pechou. Con 40 e pico anos. O único malo da Pontesa para min é que acabou moi mal. Foi un mal negocio», explica Nieves na entrevista. Ela é de Soutomaior, concello ao que pertence Arcade, ao carón de Pontesampaio.

 A directora.  Margarita Ledo (á dereita) fala con dúas das traballadoras durante a rodaxe, Nieves e Lela.
A directora. Margarita Ledo (á dereita) fala con dúas das traballadoras durante a rodaxe, Nieves e Lela.

A INDEPENDENCIA, NA FÁBRICA

Nieves é o fío condutor do filme no que, ademais de traballadoras reais como Manuela, Carmen e outra Carmen, interveñen as actrices Mónica Camaño, Mónica de Nut e Xoana Pintos, ás que vemos recrear o traballo fabril nas plantas en activo de vaixelas de Arcadia, en Arcade, e de Sargadelos, no Castro. Mercedes Peón pon a música. «Nieves foi a primeira coa que falei. Somos máis ou menos da mesma xeración. Coñecía algo da historia da fábrica. Unha vez, indo pola estrada vella de Vigo a Santiago, parei. Diante da nave, xa pechada, estaban a vender porcelanas», comenta a guionista e directora de Nación, Margarita Ledo.

A película é un documental creativo sobre esta loita obreira, pero tamén rescata outros conflitos laborais do entorno de Pontevedra. Desde o da camisería Regojo ata o das conserveiras. «O traballo fabril da muller estivo vinculado á alimentación, ao vestir e ás pezas para a casa, como a cerámica. Ter un soldo deulles independencia. E, como di unha delas no documental, o dereito a tomarse un gin-tonic. O dereito a ser felices. Pertencer a unha plantilla como forma de pertencer á sociedade. Organizáronse e loitaron. A sororidade da que hoxe falamos. As traballadoras da Pontesa conseguiron o dereito a un permiso para amamantar aos fillos, a xornada continua, saír unha hora antes os venres, ás 13.00 horas, e non traballar os sábados. Cando comezaron os problemas, protagonizaron auténticas batallas campais. Manifestacións masivas, con moito apoio, en Vigo ou Pontevedra. Tamén en Madrid. Encerros de días na catedral de Santiago. Impregnaban á sociedade e, aínda que o sistema as devolveu aos espazos privados, sempre quixeron volver ao público. Rachar esa dor da que falaba Marguerite Duras, ‘todas fomos instruídas no mutismo'», condensa a mensaxe da película Margarita Ledo.

Pioneiras. Pelexaron por ter escola para os fillos, economatos e xornada continua polas mañás. A planta de Pontesa, do grupo de Moisés Álvarez, inaugurouse, con Franco, en 1961.
Pioneiras. Pelexaron por ter escola para os fillos, economatos e xornada continua polas mañás. A planta de Pontesa, do grupo de Moisés Álvarez, inaugurouse, con Franco, en 1961.

A HISTORIA DE SEMPRE

O Grupo de Empresas Álvarez (GEA) foi un complexo industrial que se remonta a 1927. Fundouno, retornado de Cuba, Manuel Álvarez, aínda que foi o seu fillo, Moisés, a segunda xeración, quen o levou a expandirse. Tivo ata nove divisións, unha en Santander. A maioría das naves estaban espalladas pola ría de Vigo e, ademais de Pontesa, eran súas as marcas Santa Clara, Vanosa e Royal China. A actividade do grupo, centrado na louza, tamén se diversificou a porcelánicos sanitarios. Houbo varios vaivéns pero o peor veu en 1975, coa morte de Moisés. O Instituto Nacional de Industria (INI) fíxose coa xestión ata que, por presións da Unión Europea, se volveu privatizar. Tivo varios donos distintos da zona de Valencia. No 2001 apagouse o último forno da nave de Cabral, en Vigo. O grupo inmobiliario Subel adquiriu parte dos terreos.

Estrea. As antigas traballadoras e as actrices no cartel da película, que se estrea en marzo.
Estrea. As antigas traballadoras e as actrices no cartel da película, que se estrea en marzo.

As imaxes de arquivo dos informativos das que se serve Ledo mostran mulleres cortando o tráfico ou a vía do tren en Arcade; defendendo os seus postos «ante as malladas -destaca, Esther- dos antidisturbios que viñan de León»; durmindo en colchóns na fábrica que non querían que pechase, a pesar de que «pasamos máis horas aquí que coa familia. Pontesa levouse a nosa suor de meniñas, mozas e agora xa case de vellas», di á cámara unha delas. Outra denuncia, as diferenzas salariais cos compañeiros masculinos, nun segundo plano nas protestas. Outra, a sospeitosa xestión empresarial.

«Ao mellor os xefes eran homes, pero aí mandaban as mulleres», di 20 anos despois e con indisimulada nostalxia, Nieves. Lembra a última nómina, 170.000 pesetas. «Fomos moi loitadoras. Conseguimos bos convenios. Encantaría volver ver a fábrica, cando paso diante dela, con vida», engade Nieves. «Agora chámanlle currículos, daquela, cubrir a folla. Entrei cunha recua de rapazas. Unhas criaturas. Criei aos fillos separados, el coa miña nai. Fun sindicalista. Todo ía a mellor, a mellor. A louza era moi boa. Puxemos a da voda da infanta Elena, aínda que no selo poñía Cartuja de Sevilla. A historia é moi grande e foi moi dolorosa. Os feitos son moito máis duros que as palabras», conclúe Esther.

A directora, trae unha cita de Virxinia Woolf. «Hai unha frase, xa dos anos 20, na que di que temos que mirar, non para a muller extraordinaria, senón para a muller común. É nela onde está a potencia, a forza que pode levar a resultados reais», resume Ledo.