«Agora temos un bum de xente no monte»

Ve moi positivo que se goce da natureza, pero cre que hai que ordenar xa os usos do terreo

Iván Pérez, presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, en Lourizán
Iván Pérez, presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, en Lourizán

redacción / la voz

Hai restaurantes que ofrecen no menú pratos que combinan mar e monte, nos que tanto asoma unha sardiña como uns bos anacos de raxo. Iván Pérez Berjano (Redondela, 1988) é iso en humano; un binomio de salitre e toxos en carne e óso. Aínda que naceu na terra do choco, veu moi pequeno para Lourizán (Pontevedra) e con 17 anos xa estaba enrolado co seu pai no marisqueo. Parecía que lle ía tirar o mar. E tíralle. Pero decidiuse polo monte. Formouse no sector forestal, no que atopou emprego. E, ademais, fíxose primeiro comuneiro, despois presidente da comunidade de montes da parroquia -cargo no que aínda segue- e, por último, cabeza visible da mancomunidade de montes de Pontevedra, que agrupa a catorce entidades de comuneiros.

A primeira pregunta é obrigada. ¿Como un rapaz de vinte e poucos anos se mete a comuneiro en vez de andar por aí de festa? «Vivín toda a vida cerca da finca de Montero Ríos, do pazo de Lourizán, que ten unha riqueza forestal tremenda, así que sempre me interesou a natureza e o monte. Formeime no tema forestal, primeiro cun ciclo e despois coa carreira de Ciencias Ambientais e un día contactei cos veciños que levaban o tema da comunidade de montes en Lourizán e notei moita alegría de que alguén tan novo quixera aportar cousas», explica. É nese punto cando Iván aclara que para facerse comuneiro non fai falta ter terras: «¡A xente está moi trabucada, eu non teño leiras nin nada! Para ser comuneiro non é preciso, basta con vivir na parroquia. Pon isto ben claro a ver se máis xente nova se anima».

Comezou na súa parroquia e despois deu o salto a presidente da mancomunidade, hai xa cinco anos. Dende entón, sempre coa mesma teima na cabeza: «O noso gran proxecto, que agora mesmo temos avanzado, é ordenar os usos do monte. No caso de Pontevedra, xa temos inventariado todo o que hai, se aquí existe eucalipto, ou carballo, se tal cousa ou tal outra... e esa é a base para poder definir ben os usos, algo que a Xunta valora moito á hora de aportar subvencións», indica.

Toma de conciencia

Nesas estaba, intentando que saia adiante esa pretendida ordenación dos usos do monte, cando chegou a pandemia e os seus peches perimetrais e centenares de persoas, a pé ou en bicicleta, comezaron a refuxiarse no monte para fuxir das aglomeracións ou, simplemente, para respirar aire puro nestes tempos abafantes. «Si, agora temos un bum de xente no monte. A min, particularmente, non me molesta. Ao contrario, creo que é positivo que a xente saia á natureza. O que me gustaría é que, ademais de saír a facer sendeirismo ou en bicicleta, nos parásemos un pouco tamén a pensar quen está detrás do monte para que todos podamos gozar del. Moitas veces os propietarios son os comuneiros, persoas voluntarias que con moito esforzo e case sen recursos tratan de manter limpos os montes, de repoboar, etcétera». Recoñece que lle doe cando se pasa por alto que ese terreo ao que se sae de excursión ten uns donos que velan por el: «É moi bo que a xente veña en bicicleta ou andando ao monte, é bo porque así os montes están vixiados ante un incendio, porque teñen vida. Pero, ollo. Non nos podemos esquecer de que hai propietarios que teñen que facer traballos e pasar maquinaria polas pistas, que necesitan repoboar... Ás veces pensamos que o monte non é de ninguén e iso non é así. E protestamos se chegamos coa bici e as pistas están estragadas pola maquinaria, porque é inverno e se aproveita para traballar», conta. E, logo, espeta: «Deberíamos pensar que o monte é como unha casa, que ten dono. Está ben que entremos sen permiso, porque todo está aberto, pero por riba non protestemos».

Non confía demasiado en que, pasada a pandemia, se manteña esa efervescencia por ir ao monte. Pero fala en positivo de futuro: «Ás veces non importa tanto a cantidade como a calidade, a xente que realmente lle gusta o monte seguramente seguirá vindo cando xa volva haber outras alternativas de ocio», di.

Un momento crucial

Iván Insiste en que un plan de usos do monte facilitaría moito as visitas ao mesmo. De tal xeito que unha persoa que vaia facendo sendeirismo non leve un bo susto ao toparse cun ciclista a toda mecha nunha baixada. Ou para que non proliferen prácticas prohibidas como as dos quad. Insiste en que, no caso de Pontevedra, agora é un monte crucial para que todas as asociacións que utilizan o monte para o seu lecer, de ciclistas ou de outra índole, contacten coa mancomunidade para aportar ideas na ordenación de usos do monte. Con esa invitación pecha a súa charla.

A primeira ocupación que tivo Iván foi no mar, no marisqueo. Enrolouse na embarcación de seu pai e traballou a flote na ría de Pontevedra, cando tiña 17 anos. Despois, decidiu continuar coa formación e, tras formarse no sector forestal, o seguinte emprego que tivo xa estivo ligado á prevención e extinción de incendios. Combina esa faceta coa de mestre en obradoiros de emprego. Actualmente, da clases nunha desas escola taller en Cambados.

Non ten dúbida algunha de cal é a mellor viaxe da súa vida. «Por suposto, a Costa Rica, ¿como non vai ser a mellor viaxe se se trata dun país que no seu lema di que é pura vida?» se pregunta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Agora temos un bum de xente no monte»