«A nosa tradición oral é algo excepcional, única e dinámica»

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

22 ene 2021 . Actualizado a las 20:21 h.

As lembranzas da súa vida na Fraga de Abaixo, en Ponte Caldelas, e as conversas coa xente maior, servíronlle a Pablo Diego para escribir Alén, un libro que se mergulle no mundo de lendas e no imaxinario ancestral das aldeas das serras do Cando e do Candán.

-¿Por que este libro?

-Se ben a miña casa está en Pontevedra, o meu fogar é na Fraga. O libro xurdiu dunha necesidade que eu vin, un compromiso que tiña que ter, non un dereito senón unha obriga. Eu na aldea sempre estaba co único rapaz que tiña a mesma idade ca min, e facíamos rutas polo monte coas bestas, e falábamos coas xentes do lugar. Interesábannos moito as historias que nos contaban da nosa tradición.

-¿E a que conclusión chegou?

-A que é algo excepcional e único. É unha tradición oral que non deixa de ser o patrimonio inmaterial do país e que é dinámico, porque forxa a nosa identidade, a nosa forma de vida, a nosa idiosincrasia e que ven de moito máis atrás, de milleiros de anos. No libro recollo esa superposición de tradicións e que é única desde o punto de vista antropolóxico. Son tradicións que se foron asimilando, desde distintos períodos históricos, e quero destacar o de asimilando, que non conquistando, porque é importante.

-Non hai moita xente que poña en valor a cultura rural.

-Non, e diso tamén xurdiu o libro, da carraxe de ver ao meu pobo morrer e non soamente falo da Fraga de Abaixo, senón de todos os pobos das serras do Cando e do Candán, que se van despoboando cada vez máis. Decateime desa demotanasia, que é institucional e que aboca á extinción a vida no rural.

-¿Que se atopa en «Alén»?

-Son 14 relatos que están todos inxeridos nunha historia xeral que é o condensa todo e lle da unidade, e é moi curiosa porque parte do Vedoiro.

-¿É iso que é?

-É unha figura mitolóxica da que case non queda recordo máis que en Soutelo de Montes e Forcarei. É un home ou unha muller que son capaces de ver a procesión das xas, que é o mesmo que a Santa Compaña mais en vez de desfilar mortos, fano vivos, e persoas que van nela está presta para morrer.