O valor do deporte feminino pontevedrés

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

CONCELLO DE PONTEVEDRA

O Concello patrocina o documental «Pontevedra gaña con elas», que vaise estrear no Principal o vindeiro venres

09 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un documental producido por Miguel Riaño, guionizado pola xornalista Silvia Vieito e editado polo realizador Fernando

Portela recolle en algo máis de media hora a loita, éxitos profesionais e avances acadados durante as últimas décadas por varias das mulleres

que representan o pasado, presente e futuro da elite do deporte feminino pontevedrés. A peza audiovisual, impulsada pola Concellería de Deportes e titulada Pontevedra gaña con elas, rende homenaxe ao difícil camiño que en moitos casos tiveron que percorrer estas heroínas para chegar á cúspide das súas disciplinas deportivas e para obter o recoñecemento que merecen por levar o nome de Pontevedra polo mundo adiante.

«Un 5% é a porcentaxe de presencia media das mulleres na información deportiva de ámbito estatal». Con esta cifra resume Vieito ao inicio do documental a discriminación sexista que aínda sofren a día de hoxe as deportistas femininas á hora de seren visibilizadas mesmo cando chegan

a representar ao noso país nas olimpíadas e non paran de bater récords.

Unha historia de superación que Pontevedra gaña con elas narra a través de entrevistas a lendas do noso deporte como Ana Penas, Bea Gómez Cortés, Teresa Portela, Paula Carballido, Lydia Pérez Touriño ou Chus Sanguos. A lista de heroínas a completan Silvia Aguete, Águeda Cons, Nieves Gamallo, Lupe Murillo, Mayte Méndeze Charo Castro.

O documental foi presentado este venres nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández (PSOE), Miguel Riaño e Fernando Portela, acompañados por algunha das protagonistas.

O concelleiro socialista asegurou que Pontevedra gaña con elas «cumpre con varios obxectivos: por un lado, visibilizar a situación pasada e presente do deporte feminino, tanto dende a perspectiva das deportistas como dende outros ámbitos como o das adestradoras, as responsables de equipos e mesmo as nais, e trasladar as dificultades que hai ao longo deste camiño; e polo outro, honrar a aquelas mulleres de Pontevedra que traballaron e traballan pola dignidade do noso deporte, para que se coñezan e valoren os seus triúnfos e para que sexan recoñecidas como o que son, triunfadoras e embaixadoras dun modelo de cidade que loita pola igualdade».

O produtor, Miguel Riaño, pola súa banda, explicou que o documental «foi bastante complexo a nivel de documentación», precisamente «porque o deporte feminino ten un grao de invisibilización bastante grande, e atopar información sobre as persoas que foron pioneiras e que levaron a bandeira do deporte feminino en Pontevedra non resultou doado». Matizou que «foi un reto fuxir dos deportes que posúen un maior peso na sociedade” e darlle “unha representación multidisciplinar, tanto dende o punto de vista dos deportes como das diversas perspectivas: preparadoras, deportistas e mesmo das nais».

Aforo limitado

A estrea oficial do documental terá lugar o vindeiro venres 15 de xaneiro ás 20 horas no Teatro Principal, e tralo seu visionado celebrarase un coloquio moderado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, con algunhas das deportistas que participan. A entrada será de balde, se ben, por mor da situación sanitaria, restrinxirase o acceso a un máximo de 30 persoas, previa inscrición a través do correo electrónico info@metropolis.coop.tropolis.coop.