Eléonore Weber recibe o premio á mellor longametraxe no festival Novos Cinemas

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Entrega de premios do festival Novos CInemas, en Pontevedra
Entrega de premios do festival Novos CInemas, en Pontevedra Martina Miser

O premio do público foi para «Dramarama», de Jonathan Wysocki

20 dic 2020 . Actualizado a las 18:51 h.

A quinta edición do festival internacional de cine Novos Cinemas pechou as súas portas este domingo en Pontevedra coa cerimonia de clausura e entrega de galardóns.  O xurado internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, concédeulle o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da sección oficial a «Il n`y aura plus de nuit», de Eléonore Weber, «por ser unha película que, a través dunha narración sobria e precisa, convida a unha reflexión poliédrica sobre a relación Norte-Sur, a fraxilidade do individuo así como sobre os novos valores da imaxen levándoos a un lugar no que a ética se desprende de prexuizos para facernos pensar tanto na posición da vítima como na do verdugo».

Tamén concedeuse unha mención especial ao filme «Accidental luxuriance of the translucent watery rebus», de  Dalibor Baric, «por crear un intrincado universo distópico propio a partir de materiais atopados, unha película que abre as portas da percepción a partir dun minucioso traballo estético. Conxugando psicodelia, labirintos narrativos e composicións visuais imposibles, unha obra de arte pola que deixarse arrastrar». 

Na sección de Cinema Novo, o xurado concédeulle o premio á mellor dirección da Sección Oficial a: Illum Jacobi («The trouble with nature»)  da que se recoñece «a súa capacidade de xestión dos recursos e por ser capaz de contar moito con pouco», así como «polo risco, o tratamento da linguaxe cinematografica e que todos os elementos cos que se xoga estean ao servizo do relato». 

O Premio do Xurado da Crítica foi para «Tal dia hizo un año», de Salka Tiziana, «pola súa audacia para rastrexar unha ausencia que se filtra polas fendas dunha realidade familiar sofocante».

O Premio Latexos foi para «Anunciaron tormenta», de Javier Fernández. O xurado destacou moi positivamente o rigor na investigación dos documentos da historia oficial e o seu contraste co relato do pobo Bubi. O xurado destacou deste flime que «formula un exercicio pioneiro neste país de rescate da memoria colonial de España e da súa pegada en Guinea Ecuatorial, cuxas consecuencias chegan ata os nosos días. Unha película que nos recorda que preservar a lingua dos pobos é salvar a súa memoria».  

Por último, o Premio do Público nesta quinta edición de Novos Cinemas é para «Dramarama», de Jonathan Wysocki.