Repensar as vilas

Pedro García vidal

PONTEVEDRA CIUDAD

cedida

A pandemia puxo de manifesto os déficits das nosas cidades

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante o confinamento, pechados tralos muros das nosas vivendas, decatámonos dos inconvenientes das mesmas logo de semanas illados. Os grandes triunfadores foron os balcóns e galerías, as terrazas, os patios ou os pequenos xardíns, en casos excepcionais, lugares onde poder gozar do espazo exterior. Igualmente demandados resultaron aqueles puntos da vivenda que dispuñan dunha maior exposición solar. Logo, cando por fin puidemos saír do encerro, a preferencia dirixiunos cara aos espazos públicos, onde parques, xardíns, alamedas, paseos marítimos ou espazos verdes concentraron as nosas demandas de aire libre e de sol. Descubrimos que se podía ir andando a calquera lugar e, igualmente, comprobamos a cantidade de espazo público que, ocupado polos vehículos privados, non podiamos gozar como peóns ou nas terrazas. A necesidade colocounos ante o espello e decatámonos de que hai outras formas de vivir máis ecolóxicas e saudables. A pandemia puxo de manifesto déficits importantes, evidenciando que a saúde pública só pode edificarse sobre a saúde ambiental, e que o actual modelo de cidade non é sustentable.

Nalgunhas cidades os cambios cara a unha transición ecolóxica estaban xa iniciados. En Galicia, Pontevedra é un modelo de éxito imitado. En todas elas obsérvase unha constante: a transformación -que a covid-19 acelerará- consiste na transición cara á sustentabilidade que pretende lograr unhas cidades máis saudables. Para iso é preciso máis osíxeno, máis espazo público, máis xente pola rúa, menos coches. Para conseguir eses obxectivos precísanse políticas que promovan o transporte sustentable e activo -é dicir, camiñar ou ir en bicicleta-, políticas que favorezan practicar a actividade física e reducir o sedentarismo, así como gozar de menores niveis de contaminación. Unha das interesantes propostas no terreo da mobilidade sustentable é aquela que formula o modelo de cidade de proximidade, a coñecida xa como «cidade dos 15 minutos» ou «cidade do cuarto de hora»: lograr unha cidade con barrios onde poidas atopar todo o que necesitas a 15 minutos a pé ou en bicicleta do teu fogar.

Menos coches

As reformas deberían camiñar en lograr modificar radicalmente os patróns de mobilidade. Para iso, o espazo dedicado aos vehículos a motor terá que verse notablemente reducido. Redución de coches e velocidade dos mesmos. Beirarrúas máis anchas e calzadas máis estreitas e, igualmente, permitir o uso compartido das calzadas con prioridade dos peóns.

Este proceso cara a unha vila máis humana precisa necesariamente dun novo modelo de urbanismo, máis democrático e participativo, que poña o espazo urbano ao servizo das persoas. Inevitablemente cando se fan cambios xéranse polémicas. A conciencia crítica enfróntase á inercia dos políticos incapaces de enxergar a configuración dunha vila moderna, a partir das estruturas antigas en que vivimos inmersos. Será a cidadanía, en definitiva, a que deba elixir e desta decisión dependerá o modelo futuro de cada vila ou cidade.

O concepto «cidade dos 15 minutos» foi acuñado por Carlos Moreno, director científico e catedrático de Emprendemento, Territorio e Innovación da Universidade da Sorbona. Anne Hidalgo, alcaldesa de París, decidiu aplicalo na súa urbe.