O Salón do Libro diversificarase polas prazas e barrios de Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

ADRIÁN BAÚLDE

30 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus sorprendeu ao Salón do Libro de Pontevedra cando apenas levaba seis días inaugurado. A organización decidiu entón volcarse nas redes e Internet dun xeito pioneiro, unha forma de expandir esta cita cultural que, en grande medida vaise aproveitar na vindeira edición deste salón que se desenvolverá entre o 4 e o 21 de marzo. Co título de Emerxencia literaria: libros para salvar o planeta. Novos formatos para novos tempo, no salón convivirán os contidos presenciais cos virtuais, tal e como anunciaron onte a concelleira Carmen Fouces e Eva Mejuto na Culturgal.

No será a única novidade, xa que a intención do Concello «é achegar o salón ás prazas, aos barrios e diversificar, desecentralizalo para de maneira que encha toda a cidade», sinalou Mejuto, ao tempo de apuntou que na Illa das Esculturas «teremos unha parte moi importante, unha especie de sede oficial».

Confirmou, así mesmo, que si ben xa teñen conformada unha parte da programación, aínda están abertos ás propostas ou, incluso, críticas do sector, pero tamén dos máis pequenos. Iso si, deixou claro que «non sabemos aínda como estaremos en marzo».

Isto determinou que se tomara a decisión de suspender as visitas escolares, se ben está previsto que sexa o salón o que acuda aos colexios. De igual xeito, e tamén como novidade, abrirase unha canle específica para que a mascota do salón, Orbil, faga recomendacións literarias, ao tempo que se vai repetir un roteiro con figuras pola cidade cun enfoque medioambiental.

E dado que o pasado marzo non se puido homenaxear a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva, vaise facer na edición do 2021. Precisamente, o autor pontevedrés foi un dos protagonistas da sesión de clausura do Culturgal ao presentar Os berros da motocicleta, a banda deseñada coa que, en unión de Pablo Prado, recrea parte da dura vida de Josefina Arruti.