Decididamente, este tempo cruel da pandemia está a meternos a todos de cabeza, polas boas ou polas bravas, nas tecnoloxías da modernidade. Non temos marcha atrás. Se alguén quere pensar mal e alimentar as paranoias, que bote contas da escalada de uso que, nuns poucos meses, experimentou a rede (Internet) e os seus derivados: o crecemento das plataformas de oferta dixital, tanto na información como no lecer, na educación e en toda clase de servizos, a escalada da telefonía móbil, as tabletas, as computadoras portátiles, a fibra óptica, as aplicacións de consumo… Termos que ata hai dous días nos resultaban exóticos, como streaming, backup, chat, trol, etcétera, acampan no noso vocabulario cunha naturalidade absoluta, e con eles, a lingua que promove e activa esa tecnoloxía: o inglés.
Son os tempos. Mais se algo caracteriza a vitalidade dunha cultura (tamén dunha lingua) é a súa capacidade para adaptarse á realidade que impoñen os tempos, mesmo en circunstancias adversas como as que estamos a vivir. Estes días celébrase en Pontevedra a XIII edición de Culturgal, a feira anual da produción cultural galega, que viña reunindo no Pazo de Congresos do Lérez unha moi significada representación do mundo do libro, o deseño, a música, a produción audiovisual, as artes escénicas, os videoxogos, en xeral, todo o relacionado co que se vén denominando a industria cultural ou creativa, incluído o patrimonio e propostas gastronómicas. Desta vez, forzados polas circunstancias, os seareiros terán que conformarse coas pantallas. No portal da organización ofrécese acceso ás actividades.
Noutros casos, tamén a través das redes, estamos a desenvolver foros de debate, palestras informativas, espazos de creación que, na práctica, configuran un universo novo, un universo que se alimenta de nós (do que somos e do que producimos), mais con novas formas, novos usos, regras e protocolos, unha nova linguaxe que non nos queda máis remedio que asumir e deprender, pois vén para quedarse.
Teño na casa arredor de quince mil libros. Son a miña crónica persoal, a miña biografía. Acompáñanme a todas horas e volvo a eles, coma no soneto de Quevedo, para dialogar cos vivos e cos mortos, alén da distancia física e alén do tempo. Procuro dedicarlles certas horas do día porque a súa compaña reconfórtame. Mais a miña actividade profesional, tanto na creación como no acceso á información, o intercambio de experiencias e mesmo a relación social, cada vez máis está instalada e depende das pantallas. Estamos a vivir unha mutación profunda que algúns predicabamos hai vinte anos nas facultades, e que xa está aquí. Esta tarde, sen moverme da casa, asistirei en Milán a unha representación da Traviata no Teatro da Scala, despois de ver gañar (ou perder) o Celtiña en Balaídos. Mañá teño unha consulta médica online (en galego: en liña).