Un valioso rescate

Ramón Nicolás

PONTEVEDRA CIUDAD

cedida

A Virxinia Pereira Renda teimaron en colocala sempre nun segundo plano ou directamente á sombra Castelao

06 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Reconstruír os pasos da persoa que sexa é unha tarefa complexa, ardua e, por veces, ingrata. Esculcar na vida de alguén para presentala a un público actual non é tarefa doada e talvez facelo con Virxinia Pereira Renda resulta un desafío maior pois moitos foron os lugares comúns, clixés e visións de corte misóxino que se abateron enriba da súa figura, se cadra porque os ventos de certa historia teimaron en colocala sempre nun segundo plano ou directamente á sombra de Alfonso R. Castelao.

O feito de que deste traballo biográfico se responsabilizase alguén como Montse Fajardo supón unha garantía pois aí están as súas persuasivas e honestas achegas -certas delas pioneiras e ao tempo escasamente recoñecidas- como testemuñan os títulos Matriarcas, Un cesto de mazás ou Invisibles.

Nesta ocasión, Fajardo desvela, nun proxecto promocionado pola concellaría de Patrimonio Histórico de Pontevedra, froito da consulta de moitas fontes orais e escritas e escrito con estilo propio, unha figura que se reconstrúe minuciosamente desde as súas orixes e que cobra especial relevancia, xustamente, tras a morte de Castelao onde se fai máis patente o perfil dunha muller que, alén de sufrir as severidades dunha vida marcada polo exilio, estivo sempre suxeita a unha vida incerta. A relación epistolar que mantén con Otero Pedrayo e Fita Bustamante, entre outras voces, resulta elocuente e axuda a entender a complexidade que supuxo para ela a preservación do legado de Castelao e, sobre todo, a lealdade que mantivo -malia as dificultades e ata a fin dos seus días- cos valores galeguistas, republicanos e antifascistas.

Animo a coñecer este significativo e valente libro. Con el aséntanse inapelablemente, e non é pouco mérito, os perfís activistas e comprometidos de alguén que foi obxecto de silencios e manipulacións xa en vida e aínda cinco décadas despois do seu falecemento.