17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días celebramos que a película galega O que arde sexa candidata a representar o cine español nos Óscar, precisamente unha película na que a cor é imprescindible para amosar a fereza do lume, as néboas da montaña ou a penumbra dunha corte, maxistralmente captadas; o que enlaza con outro dos temas de que se fala estes días: o pase a finais deste mes, no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), da película Pontevedra, cuna de Colón, que ademais de afondar nas teses defendidas por investigadores como don Celso García de la Riega, amosaranos as cores daquel primitivo sistema cinematográfico que Enrique Barreiro patentou en 1925, o Cinecromo, un pioneiro método para poder filmar en cor sen recorrer á tripe impresión de outros métodos.

El e o seu irmán Ramón eran fillos, e colaboradores, dun emigrante retornado e instalado en Pontevedra como fotógrafo; e mentres Ramón cargaba coa cámara Enrique traballaba no laboratorio, querendo dar un paso cara ó cine, froito do cal vai ser a creación da empresa Folk Pontevedra, en 1931, produtora do Noticiario Comercial Sonoro coas novas do momento, tal a visita de Alcalá Zamora a Pontevedra, considerado o primeiro documental sonoro do cine galego, algún evento deportivo, sucesos ou o apoio en pro do Estatuto galego co documental Por unha Galicia nova.

Despois de varios anos investigando e tratando de mellorar o seu método, foi en 1927 cando, xunto con Ramón, dan un paso de xigante filmando e presentando en público a que se considera a primeira película galega e española en cor, titulada Pontevedra cuna de Colón, da que, nunha copia posterior, do ano 31, aquela tese fílmica para demostrar a galeguidade do descubridor trócase en algo máis persoal para amosar o seu proceso de coloreado de películas.

Visto cos ollos da tecnoloxía actual, aquel era un método moi rudimentario, filmando cada un dos fotogramas nunha cor distinta mediante un disco xiratorio con distintos filtros de cor, para que despois, ó pasalos á velocidade de visión (polo menos 25 fotogramas por segundo) a retención da imaxe nos ollos se encargase de mesturar as cores para darlle algo parecido á cor natural.

O delicado das cintas daquel entón por mor dos produtos usados para a impresión, fainas altamente inflamábeis, tanto así que o seu visionado era moi restrinxido, ata que se puideron facer copias cos modernos sistemas, dixitais sobre todo, para facilitar o pase das mesmas. O que si debemos resaltar é o feito de ter patentado o seu método tan só dez anos despois de que se inventase o tecnicolor, que esta película súa só sexa dez anos máis nova que unha de animación de Disney limitada ás cores primarias ou, por dar datas, que esta se adianta varios anos a O mago de Oz, coas súas primeiras escenas en cor.

Despois destes primeiros pasos, mentres Enrique segue co Noticiario Galego, ou a revista Folk, sobre cine, Ramón abrirase paso noutros eidos, chegando a ser realizador da TVE, despois de pasar polo periodismo, a radio, e a realización de películas nos anos corenta, como El pirata Bocanegra, Pototo, Boliche y compañía ou El otro Fu-Manchú.

A finais de mes pasearanos por unha Pontevedra de principios de século durante 23 minutos de cine mudo e en cor da man de dous homes fundamentais na cinematografía galega.