Uxía: «Esta Maré vai ficar na memoria sempre»

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Cedida

A directora artística do festival destaca que celebrar a actual edición constitúe «un acto de valentía»

26 sep 2020 . Actualizado a las 09:58 h.

O festival Maré estrea etapa en Santiago despois de quince anos en Pontevedra. Á súa fronte como directora artística continúa Uxía.

-Unha Maré distinta, pero que mantén a identidade.

-Con esta situación ás veces é difícil plantexar o espírito da Maré, que sempre é de intercambio, de creación conxunta...; pero nós intentamos manter o espírito con concertos máis intimistas e espazos que permitan cumprir os protocolos. Queremos que quede sempre o recordo da música como un bálsamo e que ese espazo familiar que vén sendo a Maré se poida levar a cabo respectando todas as distancias sociais, pero non as distancias do corazón, que neste caso non existen. Cada unha está acostumada a trasladar iso a música e é fácil facelo con corazón. Creo que tanto o público como quen está facendo música cada vez é máis consciente de que as artes son fundamentais nos tempos de incerteza. Facer un festival é un acto de valentía con todas estas medidas drásticas e de limitacións de aforo, pero a música é súper poderosa e a irmandade dos pobos, dos territorios atlánticos, da lusofonía e un pouco máis alá, tamén. Neste caso, Portugal, Angola, Brasil e Galicia unidos pola música. Tamén é momento de unir esforzos, como fixemos con aRi[t]mar, porque ambos tenden pontes a Portugal e aos países de fala galego-portuguesa. Penso que foi unha boa decisión e así nos retroalimentamos.

-Que vai atopar o público na gala desta tarde?

-Moita complicidade e moita mestura que é unha marca da casa. Queremos que todo o mundo cante conxuntamente e tentando xuntar as voces que, metaforicamente, un día saíron de aquí, de porto galego, e que se sintan na casa. Vai ser un concerto moi íntimo, moi de complicidades, de suplir a falta de medios, das limitacións propias desta situación. Penso que esta gala da Maré vai ficar na memoria para sempre porque é un momento tan especial que todo o mundo ten unha sensibilidade maior. Miquel Araújo é autor da letra e da música de António Zambujo que gañou aRi[t]mar, e, ademais, os dous fixeron un récord absoluto con 28 noites nos coliseos de Lisboa e Porto. Entón, revivir eses momentos aquí na Galicia por primeira vez vai ser moi especial. Despois, tamén escoitaremos a voz de Sabela, que dirixiu unha carreira con moita coherencia e moito risco; e logo Faia, que vai revisitar a obra de Zeca Afonso, moi cerca do lugar onde ten o seu parque en Santiago, e onde se estreou o Grândola, vila morena. Vai haber momentos de homenaxe a Waldemar Bastos, que morreu recentemente e estivo no 2008. Vai ser a través de Toty Sa'Med, unha das novas referencias da música de Angola, que tamén bebe da música dos mestres. Eu farei de fío condutor, tentando ser unha boa anfitrioa e a deixarse levar pola música, intentando que se vexa a irmandade que hai e que aínda ten que fortalecerse máis. Tamén para reivindicar que en tempos así se fagan os festivais porque é importante para a xente do oficio seguir traballando, facendo música. O primeiro día foi unha experiencia marabillosa, onde vimos o poder inmenso da música con A Pedreira. Foi cantando as súas vivencias con moita verdade e carisma, foi un momento precioso.

-Falaba de seguir traballando nese territorio da lusofonía.Hai que propiciar máis vasos comunicantes?

-Si, ten que habelos, sen dúbida. A música é unha ferramenta importantísima e as redes que se creen. Queda moito camiño por andar, moito traballo diplomático... Festivais como este da Maré contribúen a que coñezan un pouco a nosa terra, a incluír Galicia nese mapa dos territorios lusófonos. E logo queremos amplialo. A pretensión é que este festival tenda pontes ás músicas atlánticas, a Latinoamérica, a Escocia, aos países celtas. Nós, como cultura galega, tamén temos outras pontes e todo isto con amplitude de horizontes pode ser interesante para o futuro da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa música: abrirnos cada vez máis e que eles coñezan e recoñezan a nosa música e a nosa cultura, importantísima na historia. Faltan máis iniciativas deste tipo e que a xente aprenda a relacionarse con menos prexuízos.

-Tamén emiten en directo a través de marétv.

-Si. É unha maneira de que chegue a moita máis xente. É importante que desde calquera lugar do planeta se poidan sumar ao festival, vivilo, coñecelo... Nós xa gravamos os anos de atrás. A xente di que o que máis lle gusta do festival é descubrir artistas novos, artistas que logo xa forman da nosa familia. Por exemplo, António Zambujo xa estivo dez anos atrás. É importante que a xente descubra cousas. En determinados festivais, ás veces, repítense os mesmos nomes e nós procuramos sempre unir figuras consagradas con outras novas, que o que veña aquí, logo teña a oportunidade de abrir aquí as portas; e, viceversa, que a música galega se coñeza. Hai un potencial enorme. Están Sabela e Faia, dúas rapazas novas con moito talento que esperemos que se coñezan, e de paso toda a música galega. É un momento moi bo para que os concertos que se fagan en Galicia se tire da xente da terra, da xente de aquí.