Castelao regresa ao Café Moderno de Pontevedra

Unha mostra presenta un cun cento de facsímiles gráficos do autor rianxeiro

A mostra sobre a obra gráfica de Castelao estará aberta en Pontevedra ata o 23 de xaneiro
A mostra sobre a obra gráfica de Castelao estará aberta en Pontevedra ata o 23 de xaneiro

Pontevedra / La voz

Pontevedra é unha das vilas de Castelao. Porque o escritor, debuxante e político rianxeiro viviu na cidade do Lérez durante unha etapa da súa vida e porque o Museo de Pontevedra custodia a meirande parte da súa obra.

Por iso a mostra que dende este xoves pode visitarse no Café Moderno Afundación é coma unha volta de Castelao a casa. As paredes do local no que o intelectual galego participaba en faladoiros literarios e políticos acollen a exposición Castelao grafista (facsímile), organizada pola obra social de Abanca, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia.

A mostra reúne 19 facsímiles da colección de arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, mais tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Tamén o texto orixinal do álbum Nós, outros dous manuscritos de Castelao, 18 cubertas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas polo rianxeiro e tres debuxos máis.

Miguel Fernández Cid, comisario da mostra e explicou que tanto a exposición coma o proxecto que engloba ten a «intención clarísima» de divulgar a obra de Castelao en todo o planeta, «y presentarla aquí, en Pontevedra, es el mayor de los lujos». Lembrou que a idea xurdiu no ano 2016, cando Castelao foi a figura elixida para honrar no Día Galego das Artes, o 1 de abril. Daquela cita naceu unha exposición sobre o Castelao debuxante exhibida en Madrid e que logo foi demandada por outras vilas. «Reproducir aquella muestra era imposible, por lo que surgió la idea de hacer esta, con facsímiles», algo que considera que non altera o espírito da obra de Castelao xa que «él no dibujaba para exhibir sus obras ni sus caricaturas, sino para que se reprodujeran en revistas y periódicos», explicou Fernández Cid.

Precisamente por iso as pezas móstranse tal cal as deixou o autor, tras levar a cabo un exhaustivo traballo de limpeza dos orixinais: con anotacións feitas a man -«prohibida la reproducción en Galicia» léese en varias das viñetas-, tachaduras nos textos, indicacións sobre a cor ou as medidas, e incluso nalgún caso a sinatura do gobernador civil de turno autorizando ou denegando a súa reprodución.

Volvendo ao proxecto de difusión da obra de Castelao, Fernández Cid subliñou tamén que unha caixa cos facsímiles que se ven na exposición, así coma catálogos, reproducións de albumes e outra información da obra gráfica de Castelao enviouse xa a todas as sés do Instituto Cervantes ao longo de mundo, así como ás seccións de embaixadas alí onde non hai sé da institución.

A mostra Castelao grafista (facsímile) poderá visitarse no Café Moderno Afundación de Pontevedra (praza de San Xosé, 3) ata o 23 de xaneiro, de luns a sábado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Castelao regresa ao Café Moderno de Pontevedra