Os cines de Pontevedra acollen proxección dun documental sobre Moncho Reboiras

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Será o sábado e o domingo, este último día con coloquio có director, Alberte Mera

25 sep 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o guionista e director do documental Reboiras. Acción e corazón, Alberte Mera, presentaron onte a longametraxe con motivo da súa exhibición esta fin de semana en Pontevedra. Os pases terán lugar nas salas de Cinexpo o sábado e o domingo, ambos días ás 21.30 horas, e ademais a sesión do domingo contará cun coloquio no que participará o director.

A longametraxe constrúe a memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia a través de 29 testemuños de persoas que o coñeceron de primeira man, de secuencias ficcionadas que reviven momentos de relevancia na súa vida e a través de fotografías, documentos e fragmentos audiovisuais dos anos 70. Reboiras, morreu nun tiroteo coa policía na madrugada do 12 de agosto de 1975, converténdose na última vítima mortal da ditadura franquista en territorio galego.

O director, Alberte Mera explicou que a longametraxe reflicte «unha época dura e escura de Galiza e a loita de toda unha xeración por unha Galiza libre e xusta». Asegurou que o filme pretende saldar unha «débeda histórica» coa figura de Moncho Reboiras.

Alberto Oubiña aproveitou a presentación para poñer en valor a importancia «de exhibir cinema en galego en cinemas comerciais" e salientou o selo pontevedrés do equipo de rodaxe, con Jose Aragunde na dirección de fotografía, Samuel Lema na dirección de arte, Adrián Porima no son, e Tamara Andrés na produción.