Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

O cura de Fruíme

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

PONTEVEDRA CIUDAD

10 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No libro A biblia en España, o británico George Borrow narra as súas andainas por Galicia en 1837. Tampouco parecen tantos anos, pero abofé que a Galicia que describe Borrow non se parece en case nada á actual -non nas comunicacións, na miseria, nas casuchas, na arela por sobrevivir-, aínda que preserva inevitables conexións, esas das que Otero Pedrayo non dubidaría en vincular á identidade galega desde o confín dos tempos. Por exemplo, o odio das vilas e cidades galegas polas localidades veciñas.

Entre as moitas pasaxes abraiantes, hai unha que sempre me chamou a atención. En Pontevedra, o «rexedor» convida a Borrow á súa casa e amósalle os libros de don Diego Cernadas y Castro, o famoso cura de Fruíme. Chámalle con orgullo «o noso poeta nacional». Hoxe, o cura desa parroquia de Lousame é un enorme descoñecido, tamén na nosa comarca. Toda unha lección do rápido que vai e vén a sona neste mundo.

No seu tempo, don Diego soubo combinar o seu apostolado rural -seica foi un crego devoto do seu traballo- cun incesante labor creador. O problema é que a maior parte da súa obra fícanos, moitas veces, distante. E non tanto no tempo -douscentos cincuenta anos- como nas temáticas, moi distantes ás nosas arelas Aínda así, é misión das letras do presente conectar cos homes e as mulleres do pasado. E na súa obra hai ben onde tirar do fío.