Roteiros literarios e de arquitectura pola provincia

Terán lugar os sábados e domingos a partir do 6 de setembro


A Deputación de Pontevedra segue a camiñar na “Re-Acción Cultural” da provincia coas dúas novas edicións dos Roteiros Literarios e os de Arquitectura que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro por diversos espazos da provincia. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou hoxe na presentación destas actividades a colaboración respectiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Academia Galega de Belas Artes, cuxos representantes Césareo Sánchez Iglesias e Celestino García Braña participaron no acto.

Os Roteiros constarán dun total de 12 rutas (seis literarias e seis de arquitectura), nas que se ofertarán 24 prazas en cada unha e que percorrerán 14 concellos da provincia. Os Roteiros Literarios desenvolveranse os domingos a partir do 6 de setembro en horario de mañá (11.30 a 13 horas) e serán paseos por seis cidades e vilas escenario de obras literarias. Terán como guías a autores e autoras da AELG, que tomarán como base obras propias ou alleas

As camiñadas literarias arrancarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro e en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla. Posteriormente, o 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas e o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval.

En canto aos Roteiros de Arquitectura, este ano terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Serán visitas a diversos espazos da provincia guiadas por tres destacadas mulleres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz.

Os paseos chegarán serán os sábados en horario de mañá. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio, para continuar o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados e o día 26 por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, e outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada.

O desenvolvemento destas rutas estará guiado por un estrito protocolo «con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias».

As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Roteiros literarios e de arquitectura pola provincia