«Cando vin a 200 persoas cantando os nosos temas pensei que non me merecía tanta sorte»

Alberto Mira, do grupo Verto, que actúa esta noite no parque do mirador de Monte Porreiro


Fernando Peleteiro «Fer» (Santiago, 1997) e Alberto Mira «Berto» (Pontevedra, 1997) coñecéronse en Santiago hai cinco anos, cando comezaron a estudar Medicina. En 2019 fundaron o seu dúo: Verto. A sorna de Oye Gaiego fíxoos famosos e o seu primeiro álbum, Puro Ocio, converteuse na banda sonora do confinamento de miles de universitarios galegos. ¿A fórmula? Trap en galego, desenfadado e dende a humildade, sen grandes alardes. Agora Verto dan o segundo concerto da súa historia en Monte Porreiro, no berce de Alberto.

-¿Pillouvos o éxito por sorpresa?

- Pegamos o subidón cando estreamos no Luar Oye Gaiego e comezaron a seguirnos 6000 persoas novas en redes. Iso deunos ánimos, sempre é agradable ver tan boa acollida. Non temos ningunha distribuidora, somos independentes e non pensamos que poderíamos chegar a ter tanta repercusión.

-Debe ser estraño ver ese crecemento e non poder dar concertos e conectar cos novos fans.

-Cando Fer e eu dimos o noso primeiro concerto como Verto, no Gaiás, subimos ao escenario coma uns amigos que van a gozar do momento, da música… Pero de súpeto atopámonos con 200 persoas diante que se sabían as nosas cancións enteiras. Iso foi un shock.

-¿Esperades algo así do concerto de hoxe?

-Sei que vai acudir bastante xente. En canto o anunciamos en redes, 500 persoas dixeron que tiñan intención de ir. Eu teño moitas ganas, son de Pontevedra e vivo ao lado do miradoiro e antes ía con moita frecuencia. Para min vai ser moi especial dar o concerto alí. E tamén bastante raro.

-En Dálle cantades “Todos se queixaban que faltaba isto en galego”.

-Gran parte do noso público é xente que estaba agardando unha música máis desenfadada en galego. Xa hai grupos de trap que fan cousas moi boas, como Boyanka Kostova. Pero nós vamos ao máis pop, ao que sona na radio. Coas nosas limitacións, que gravamos en casa.

-¿Por que ten que ir a xente ao voso concerto?

- Porque durante unha hora vamos a facer o parvo e pasalo ben. Nos nosos concertos facemos cousas distintas ao que se pode escoitar nos temas en Spotify. Tentamos facer algo máis que coller o micro e cantar por riba dunha base. Tocaremos eu a guitarra e Fer o teclado. E que se veñan todos, tamén os turistas, que o idioma non é un impedimento para gozar da música!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Cando vin a 200 persoas cantando os nosos temas pensei que non me merecía tanta sorte»