«Sería moi aburrido vivir eternamente pois chuparíamos moitas pandemias»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

O Mago Teto actúa esta noite na praza da Pedreira de Pontevedra

12 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No marco de Pontevedra Máxica, a praza da Pedreira acollerá esta noite (22.30 horas) o último espectáculo do Mago Teto, Alquimia. «É un espectáculo tematizado cunha historia no que conto os soños dos alquimistas, que eran uns seres nómadas que percorrían o mundo cos seus laboratorios ambulantes cun único obxectivo, atopar a pedra filosofal».

-Da pedra filosofal dise, entre outras cousas, que con ela se elabora o elixir da eterna xuventude, é ese o seu obxectivo?

-Non, sería moi aburrido vivir eternamente porque igual nos toca chupar moitas pandemias. A miña pedra filosofal é a felicidade e a maxia destinada ao corazón que nesta época é máis necesaria que nunca, que a xente se esqueza dos problemas que nos bombardean a cabeza. Que se somerxan no meu mundo particular.

-Resulta curioso que en pleno século XXI, marcado polos adiantos tecnolóxicos, a maxia segue a espertar ilusión.

-Si. Hai xogos que facemos moitos magos que, ao mellor, teñen catro mil anos de antigüidade, como pode ser o clásico xogo dos cubiletes, que xa se facía en Exipto, ou o dos aros que se enlazan, que se inventaron hai mogollón de anos en China, e seguen a sorprender aos públicos. A maxia é inmortal e o bonito é que xente vaia gozar co espectáculo e non buscar a trampa.

-E quen se ilusiona máis, os pequenos ou os pais?

-Depende. Gústame traballar para todos os públicos. No meu espectáculo, para que non sexa moi infantil, estou continuamente lanzando bravatas para os adultos que os nenos non pillan. Pero os adultos din: «¡Pero que pájaro este tío!». Busco implicar tanto aos cativos como aos adultos.

-Como valora a aposta do Concello pola maxia nestas festas?

-Paréceme unha iniciativa moi boa. É importante que se apoie a maxia e, sobre todo, que se apoie nesta época aos artistas galegos. Está ben que se acorden de nós e ogallá Pontevedra Máxica dure cen anos polo menos.