«O concerto da praza de España vai ser moi divertido e unha oportunidade de ser profeta na casa»

PONTEVEDRA CIUDAD

ADRIÁN BAÚLDE

Por primeira vez na súa carreira, Ibáñez acturará nas festas da Peregrina

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«É a miña primeira vez nas festas de Pontevedra e por iso vai ser un concerto moi especial, moi emotivo. Teño actuado na cidade, no Teatro Principal, fundamentalmente, pero non nas festas. Houberamos desexado que tivera lugar moito antes no tempo dentro do que é a nosa traxectoria, pois levo moitos anos traballando e tendo actividade non so a nivel de Galicia, senón nacional e internacionalmente. Ás veces, ser profeta na terra de un é un pouco máis complicado». Óscar Ibáñez actuará este luns na praza de España a partir das 22.30 horas «agradecidísimo, encantado, emocionado e con todas as gañas de facer un gran concerto. Nunca é tarde e esperemos que sexa o primeiro de moitos».

-É habitual escoitar aos artistas dicir que son máis valorados fora que na casa.

-Creo que é algo bastante galego en xeral. Como que calquera cousa que veña de fora rapidamente lle prestamos un pouco máis de atención e que o que temos máis preto, como está cerca... Valoramos máis o idioma, a nosa cultura, a gastronomía, o noso entorno unha vez que non estamos en Galicia. Quizais aínda temos certos autoodios ou non temos consciencia do noso. Inda aí, levamos unha traxectoria longa.

-¿Como vai ser o concerto?

-Vimos a facer un gran concerto. Non vai pasar desapercibido. Os concertos que viña facendo en Galicia eran moi ambiciosos, cunha posta en escena de trinta artistas. Tíñamos unha banda de gaitas, bailadores, cabezudos... Esa opción non é posible para manter a distancia de seguridade. Vímonos na obriga de deseñar unha nova posta en escena limitada ao que é o corpus musical. Imos participar o seis músicos da miña Tribo e logo vannos acompañar catro gaiteiros. Imos ser unha formación de doce músicos. Non é o concerto que me houber gustado desenvolver na praza de España pola pandemia do covid. Vai ser moi divertido e unha boa oportunidade de ser profeta na casa, pero tamén para deixar con gañas a xente do que sería ir ao espectáculo completo.

-O certo é que está a ser un verán moi especial para Óscar Ibáñez. Actuou por primeira vez na localidade que lle veu nacer, Poio, e agora nas festa da súa segunda terra, Pontevedra.

-O ano está a ser especial para todos. A pandemia do covid-19 tróuxonos a todos de cabeza, trastocou a vida de todos os seres humanos. A comezos de ano pintaba moi ben, tíñamos unha previsión de concertos moi interesante, pero a pandemia foi un xarro de auga fría. Paralizou todo ata que a finais de xuño empezaron a aparecer algunhas oportunidades novas. A nivel Galicia, unha das políticas que se adoptaron foi dar prioridade aos artistas galegos, aos músicos do país, e, principalmente, aos artistas locais. Non quero pensar que sexa o único factor, pero creo que propiciou que este ano tivera esta primeira oportunidade no meu lugar de nacemento e no municipio no que resido dende hai moitos anos. Hai quen o usa como crítica e di que «parece que tivo que chegar unha pandemia para tocar na casa», pero eu non o quero ver así. Quero pensar que estas políticas veñen para quedarse.