Achégase un a este libro, Historia de la Tauromaquia en Galicia, cunha mirada crítica. Resulta curioso que en Europa convivan normas sobre o benestar animal, que esixen o sacrificio incruento nos matadoiros, coa existencia desta festa, na que os espectadores gozan coa morte dun animal. O autor da obra é José María Sanmartín Miguez, doutor en Farmacia, e cunha longa carreira como historiador da Farmacia, pero que hai algún tempo dirixiu a súa mirada ao mundo dos touros no noso país.
Faino con rigor e sen paixón, asegura, e cunha linguaxe elegante, sen os excesos dos críticos taurinos. A obra amosa que as raíces deste espectáculo no noso país se remiten -cando menos- ao ano 1506, cunha corrida en Santiago na honra de Felipe o Fermoso, na praza do Obradoiro. E alí seguiron, para asombro de moitos, celebrándose ata 1802.
Ademais de Compostela, cidades con tradición foron Coruña e Pontevedra, e, xa nas vilas, Noia e Sarria. Esquecidos os touros en Santiago hai tempo, Coruña deixou de acollelos no Coliseum no 2015, coa chegada da Marea Atlántica; e tamén en Noia no 2007, como sucede «en otros muchos lugares de España en los que gobiernan formaciones de tendencia nacionalista», tese do autor que non concorda con que a Festa do Boi, en Allariz, fose recuperada en 1983 por xente próxima ao nacionalista Anxo Quintana, ou que o reduto taurino de Galicia sexa hoxe Pontevedra, cun alcalde, Lores, tamén nacionalista.
É un excelente traballo de investigación, se ben non presenta ilustracións, nin un desexable índice onomástico, aínda que sí detallado sumario. Sanmartín apunta o resultado de ducias de corridas, que en ocasións se fai monótono, e tal vez podería terse trasladado a un anexo. Unha das seccións máis interesantes -para quen isto subscribe- é a dedicada ás opinións dos intelectuais galegos: desde o pai Sarmiento ou o pai Feijóo, ata Pardo Bazán, Valle-Inclán, Castelao, Julio Camba, ou o polifacético Cela -que chegou a participar en tres corridas-. Pero botamos en falla a de escritores máis actuais, como Suso de Toro ou Manuel Rivas, claramente contrarias.
Sanmartín relata sucesos curiosos, algúns desgraciados, como o sucedido na praza da Coruña en 1934: o estoque de aceiro de Juan Belmonte voou polo aire, cravándose no peito dun espectador, que faleceu en poucos minutos.
Para finalizar, invoco aquela maxistral reflexión que facía Castelao nunha das láminas do álbum Nós, publicado en 1931: «Lástima de bois!».