Espallando cultura por toda a provincia

PONTEVEDRA CIUDAD

Pablo Hernandez Gamarra

A Deputación destina 2,5 millóns para a reactivación, entre xullo e decembro, de todos os ámbitos da creación artística

04 jul 2020 . Actualizado a las 10:49 h.

O mundo da cultura amosou a súa vital importancia social durante o estado de alarma decretado pola pandemia do coronavirus. «Foi o refuxio de moita xente durante o confinamento», recoñeceu Carmela Silva na presentación este venres dun ambicioso plan da Deputación de Pontevedra que destinará 2,5 millóns de euros para «democratizar a cultura, espallala por todos os recunchos da provincia».

Deste modo, dende este mes de xullo e ata decembro, a Administración provincial impulsará Re-Acción Cultural, que abarca todo «os eidos culturais para recuperar os eventos en vivo». Seis son os eixos sobre os que pivota esta iniciativa que quere ser toda unha «homenaxe ao mundo da cultura (...). Queremos prender de novo as luces, facer unha pequena gran revolución cultural, unha re-acción cultural para chegar a todo o territorio», engadiu Silva.

A música é un dos eixos principais cos Rías Baixas Fest en cabeza, que contarán con todos os recursos previstos e, de feito, algúns dos festivais xa teñen eventos programados. É o caso do SonRías Baixas de Bueu, que aposta por un microfestival con Arco e Rayden. De igual forma, reiniciaranse os programas Musigal, no que xa hai 21 grupos confirmados que actuarán en 45 concellos, e Pontegal. A Deputación vai seguir apoiando ás Escolas de Música subvencionando os gastos correntes e de persoal para o desenvolvemento das actividades docentes e o seu funcionamento.

Re-Acción no Patrimonio e nas Rutas Xacobeas é considerada como «unha das grandes novidades do ano». Son tres as propostas aglutinadas baixo este selo: Música no Ar, que achegará a música clásica a mosteiros, como o de Poio, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais -«levamos a música de cámara fora dos auditorios, aos espazos abertos para achegarse a todos os públicos»-. Re-acción nos Castelos, que acollerán artes escénicas, música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica, e Roteiros de Arquitectura completan este ámbito.

As Artes Escénicas e o Cine son outros dos eixos de Re-Acción Cultural. Non so se promoverán representacións teatrais, manterase o apoio a eventos como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela, senón que se impulsará a marca de calidade integrada polo Festival de Cans, Play Doc, FicBueu, Festival de Cinema Inclusivo, Primavera de Cine, Curtas Film Fest, Curtas Armadiña, Novos Cinemas e Freaki Film Fest.

Un plató de cinema

A maiores, impulsarase

Pontevedra Plató de Cinema

, «un novo marco de patrocinio para producións e coproducións audiovisuais para apoiar proxectos cinematográficos que se fagan e produzan aquí». Deste xeito, remarcou Carmela Silva, contribuirase a «impulsar o sector audiovisual galego, consolidar as industrias, apoiar a excelencia a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais, fomentar espazos expositivos e contribuír á promoción coa localización de escenas e espazos da provincia».

A literatura tamén estará moi presente con Re-Acción na Escrita. Neste eido, a Deputación de Pontevedra enmarcou iniciativas como a Escola das Letras, na que os obradoiros retomaranse en setembro na cidade de Pontevedra, mentres que o 20 de xullo levarase a cabo un encontro coa poeta e fotógrafa Patricia Rivas.

No canto dos roteiros literarios, estes desenvolveranse en seis concellos -Baiona, Ponteareas, Vilagarcía, Terra de Montes, Vigo e Pontevedra-, ao tempo que Caramomia, o proxecto a oito mans dirixido por Ledicia Costas e iniciado en Instagram, vaise materializar nun libro impreso con ilustración das súas personaxes. «Cremos que esa historia creada en Instagram debe converterse nun libro».

A todo isto, súmase o apoio que esta Administración presta á publicación de obras e traballos de diversa índole e o feito de que se sumará á celebración do centenario da Xeración Nós, que «é parte fundamental da nosa historia». A fin de contas, se ben é certo que os primeiros números publicáronse en Ourense, «temos que presumir que foi en Pontevedra onde tivo lugar a reunión na que naceu e onde o propio Castelao suxeriu o nome que identificaría a toda a xeración».

Difusión cultural

O último dos eidos deste programa englobase baio o nome de Re-Acción para espallar a cultura e comprende colaboracións e apoios a «colectivos e asociacións que están a traballar no eido da cultura, nas actividades co tecido social e levando exposicións por toda a provincia. Así, aludiuse especificamente ás mostras Tecendo a natureza, “Pazos de Pontevedra. Alí onde se detivo o tempo, A artística. Parte da nosa historia en lata, Cines de Pontevedra, Imaxes do 8M ou Mulleres galegas na historia, entre outras moitas.

Carmela Silva resaltou que, en canto á celebración dos días especiais, a Deputación conmemorou durante o confinamento festexando de xeito

virtual efemérides como o Día da Poesía, o adicado a Rosalía, o das Letras Galegas, o da diversidade cultural, o Día da Lingua de Signos...

Neste marco, recordou que o primeiro dos eventos que puido celebrarse nas rúas de Pontevedra e Vigo foi o Día Internacional da Música, ao tempo que adiantou que está previsto conmemorar o Día de Galicia, o Día europeo das Linguas, o do Patrimonio ou o de María Casares.