O «macarrismo cuqui» da Rabela

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Capotillo

A rapeira pontevedresa Aurora Redondo, A Rabela, ultima a publicación do seu primeiro traballo discográfico, «Que prenda a faísca», catro temas que verán a luz o vindeiro mes de xullo

24 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Rabela é o nome da miña familia, pero tamén son eu, Aurora Redondo. A filla de Gloria e de Luís». Deste xeito preséntase A Rabela, unha rapeira pontevedresa que nunhas semanas publicará o seu primeiro traballo, Que prenda a faísca, da man do selo Arte Calavera. Nada en 1992, explica que adoptou o alcume artístico da Rabela porque, «así como de miña nai saquei todos os parecidos na cara, de meu pai quedei co nome da súa familia de Moraña. Pareceume acaído, porque se pode perder e porque moitas veces, cando me poño brava, meu pai dime: “Como se nota que es Rabela”».

Rememora que cuns 13 ou 14 anos escoitaba rap porque «era moi parecido á poesía. O que me gustaba é que tiña a sensibilidade da poesía coa crueza da realidade. Pode haber poses, pero non hai pomposidade. Era unha ferramenta de expresión espectacular e que ten unha cousa que é moi bonita: que pode expresar a rabia».

A Rabela ten claro que o rap é machista porque «o mundo é machista. No rap un pódese expresar libremente e non hai censura, a xente di o que quere. No mundo no que estamos hai moito machismo e é algo que se ve nas batallas, pero non é porque o rap sexa machista, senón porque o é a realidade», apunta ao tempo que recoñece que, polo momento, son poucas as mulleres que se dedican a esta arte.

«Ao final, no espazo público en xeral hai moitísima máis presenza masculina. Onde hai poder hai máis homes, e isto acaba reflectíndose no rap», un estilo no que, segundo engade, ten cabida a rabia, «e a rabia está mal vista nas mulleres. É un estereotipo. Para ser visible parece que tes que demostrar ter talento dende o principio, e iso fai que teñamos moito máis medo a enfrontarnos a certas cousas. É algo social».

En todo caso, a pontevedresa deixa claro que só ten dous temas que poderían encadrarse como eminentemente feministas. «A verdade é que tanto o feminismo como a lingua son dous temas que non me gusta tocar explicitamente, porque xa hai moito. Apetéceme probar outras cousas, aínda que son temas aos que moitas veces fago mención. Non os trato explicitamente porque xa o fago coa miña presenza».

Os referentes

En canto aos seus referentes artísticos, cita a «toda a música que puñan na miña casa». Así, resalta que, sendo nena, Rosa Cedrón era a súa cantante favorita, mentres que na actualidade Alba María é o seu principal referente no eido da improvisación -«cando non sei facer unha cousa, penso como a faría Alba María»-. De igual modo, alude a Silvia e Rosi, de Flow de Toxo, ou Morodo... E sen esquecer a seus pais e a súa avoa, «que me ensinaron como se fan as cousas e a sacar os proxectos adiante», pero tamén «a ser brava e enfrontarme ás cousas que me dan medo».

Deixa claro que o título de Que prenda a faísca expón plenamente as súas intencións. Catro temas que expresan «rabia e cousas bonitas, que é o que define a miña música. Unha vez un amigo definiume como macarrismo cuqui». Aurora Redondo aposta pola experimentación e unha certa fusión, de tal xeito que, como ela mesma sinala, hai música electrónica, percusións africanas, unha muiñeira, hip-hop...

En canto á temática, a pontevedresa destaca a súa intención de abrir o debate sobre o adultismo. «Así como o machismo implica que os homes estean por riba das mulleres, existe o mesmo cos adultos e os menores. É algo que non se está tocando demasiado, e para min é importante, porque creo que as desigualdades nacen a partir dese adultismo».

Se a publicación deste traballo está prevista para xullo, o próximo concerto de A Rabela tardará un pouco máis. Por mor do coronavirus, polo de agora o único seguro é que actuará no outono -non hai data, toda vez que segue aberto o micromecenado do proxecto Moas- nun espectáculo solidario a prol das Escolas de Ensino Galego Semente.

Improvisacións e regueifas

Falar da Rabela é falar da improvisación e, consecuentemente, da regueifa: «En si, improvisar non é complicado. A regueifa está moi ligada á improvisación e é parte das nosas raíces culturais. O que pasa é que son raíces invisibles para a xente que non as coñece. De feito, cando empecei coa improvisación non coñecía a regueifa, e foi grazas a esta última que puiden improvisar. Foi a xente da regueifa, artistas como Alba María, os que me ensinaron. Improvisar non é difícil; o que si é difícil é facelo diante de xente, porque dá moitísima vergonza e parece que cando empezas tes que facelo igual de perfecto ca quen leva cinco anos».

Entón que é o máis complicado? «Para min o máis difícil de todo -responde a pontevedresa- foi quitar da cabeza que non era quen. Bloqueábame ao principio e pensaba que non valía. Son moi mala, pero gústame facer alarde de ser mala porque non pretendo ser boa. Gústame facelo e punto, e facelo é un éxito, e, se aparecen moitas rapazas que o fan mellor ca min, pois mellor».