Guadi Galego: «Nunca fas o mesmo concerto porque depende do público»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

ANA GARCIA

A actuación da cantante será unha das primeiras citas ao aire libre para cultura en Pontevedra

14 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guadi Galego

Guadi Galego recoñece que, nun primeiro momento, tomouse o confinamento «coma todo o mundo. Pensábamos que ían ser quince días e íamos facer cousas que non fixemos antes, pero xurdiu un problema básico, a conciliación familiar, que non te permitiu facer tanto como querías. A nivel profesional, supuxo darse de conta de que o sector ía quedar moi tocado».

-Tratándose, curiosamente, dun dos sectores que amosou a súa importancia durante o estado de alarma?

-Creo que, principalmente ao principio, todo o mundo quixo por o seu grao de area, sobre todo a nivel emocional contestando á pregunta de que lle pode gustar á xente. Querías axudar a que a xente se sentira ben, o que pasa é que cando se alonga tanto no tempo, desespérate.

-Imaxino que botaría en falla o contacto co escenario, co seu público?

-Home, claro. É que levamos parados... O meu último concerto foi en Donostia o 6 de marzo. Levamos tres meses e pico parados. Ao principio, pensaba en descansar porque levabamos moi intensos dende novembro, pero cando pasa tanto tempo comprendes que non sabes como vai ser a volta. O público é fundamental á hora de conectarse cun artista. Nunca fas o mesmo concerto porque depende do público co que esteas, cambia moito.

-E dende esa óptica, como percibe a iniciativa do concerto de xullo no recinto feiral de Pontevedra?

-Paréceme unha aposta valente, pero, por outro lado, responsable. Cónstame que esta sendo así. Ven nun momento que parece que se pode. É dicir, os datos confirman que o podemos facer, se o facemos ben. É importante que os concellos, a xente que quere reactivar a cultura, o sector da hostalería ou da restauración, sectores que quedaron tan tocados, que pensen como facelo dun xeito responsable, porque o momento de facelo é agora que estamos ben. Se o facemos de xeito responsable, a aposta por artistas de aquí, de artistas do país, artistas que non teñen que desprazarse moitos quilómetros... Estaría ben que se tomar conta disto. Músicos de diversos xéneros que poden encher os novos aforos das prazas dos pobos e das cidades.

-O de Pontevedra, que ía ser o último concerto da súa xira, pasa a ser o primeiro do seu retorno aos directos.

-Si. Cando hai un cambio de vida tan brutal todo muda. Xa nin sabemos cando é o principio e o final dunha xira, pero nin tan sequera de como imos seguir. Estou moi ilusionada con este concerto e poder compartilo con Xabier, que para min é da miña familia. Vai ser unha cita bonita, que vamos a dar todo o que temos e a ver que tal vai, como a xente responde, se compran as entradas.

-Con Xabier Díaz xa coincidiu na cidade do Lérez?

-Si. Hai tres veráns. Foi a última vez que coincidimos. Algo hai nesta cidade que nos une.

-Falando do seu último disco, como definiría «Inmersión»?

-É un disco de autora con moitos tintes pop. Ten unha parte electrónica importante, pero tamén ten moita canción. Creo que hai que ir ver o directo. Escoitas o disco e pode gustarche ou non, parecerte lento, pero cando vas ao directo o disco é moito máis intenso, moito máis enérxico. É un disco dunha autora que escribe dende esta esquina da península e é un disco en sete linguas. Aínda so fora pola diversidade lingüística, que transcorre con moita naturalidade, creo que paga a pena ver o directo. Pasámolo moi ben.