Malas noticias por segunda vez


Xa está escrito na letra do noso himno, «mais só os iñorantes, féridos e duros imbéciles e escuros non nos entenden, non». E por que fago referencia a esta estrofa tan bonita? Está claro: non chegándolle cunha primeira vez, o programa Malicia noticias, da TVG, tropeza unha segunda vez caendo na vulgaridade e no desprezo a todo un colectivo, o veterinario.

No primeiro programa, o 12 de maio, din lindezas humorísticas como «capar unha gata ou meter o brazo polo cu a unha vaca tampouco vos converte en lexionarios», para rematar o chiste dicindo «veterinarios loitando contra unha pandemia, que será o próximo?». Pois ben, nun segundo programa, o 13 de maio, e despois de que os colexios oficiais de veterinarios de Lugo e Pontevedra -a través dos seus respectivos órganos de dirección-, así como diferentes colectivos veterinarios como Anembe pediran unha rectificación seria e contundente ante tal despropósito, sobre todo pola ignorancia esgrimida, os condutores do programa saen ao paso pedindo escusas argumentando que «estamos nun programa de humor», coma se o humor fose sinónimo de ignorancia, e que por suposto todos saben -eles había apenas 24 horas, e porque llelo sopraron- o papel que teñen os veterinarios na sociedade, e que queda todo solucionado, como non, cun sonoro aplauso para o colectivo.

Pois non para min iso non é nin crible nin suficiente, sobre todo porque volveron a tratar o asunto con certa « ironía humorística» cando deberon aparcar un momento ese humor do que fan gala no programa e falar do asunto co respecto que se merece, pois non só se mofaron do colectivo veterinario, senón de toda unha forma de vida tan arraigada no noso país e que continuamente e de forma reiterada é maltratada: a gandeira.

Para rematar, recordarlle aos responsables do programa o papel dos veterinarios na sociedade. Xa o fixeron cursando as respectivas queixas os colexios veterinarios de Lugo e Pontevedra, pois ben son os garantes que toda a cadea alimentaria, se esa cadea da que os animais humanos nos nutrimos, cumpra todas as condicións hixiénico-sanitarias axeitadas e non sexa posible a transmisión de enfermidades animais-animais humanos (zoonose), se porque os humanos tamén somos animais, creo que está claro non?

E se se me permite, e non sendo humorista, vou dar dous datos máis para facer humor. Primeiro, a Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE) constituíuse no ano 1924, 24 anos antes que a Organización Mundial da Saúde (OMS). Segundo, sería interesante revisar unha conferencia da doutora Barbara Natterso Horowitz co título «Que saben los veterinarios que los médicos no saben», na que textualmente di que «os médicos no deixan de ser veterinarios especializados nunha única especie animal, a humana, pero que prefiren que lle chamen médicos».

Como fixen nunha anterior nota de prensa, despídome dicindo que o medo non é bo compañeiro de viaxe, e por iso voume identificar: por suposto, son veterinario colexiado Lu 1095 e con traballo en Silleda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Malas noticias por segunda vez