Dos Cantos de Taberna aos Cantos de Varanda polo covid-19

PONTEVEDRA CIUDAD

MARAVALLADA

A asociación invita aos veciños a unirse para cantar dende os balcóns tres coñecidas cancións dos bares e tabernas

30 abr 2020 . Actualizado a las 20:56 h.

Unha das citas urbanas máis seguidas polos pontevedreses son os Cantos de Taberna, unha iniciativa que recupera o sabor e aroma das cantigas que se adoitaban escoitar en bares e tabernas e que nesta ocasión adáptase as circunstancias xeradas polo covid-19.

Deste xeito, a asociación impulsora dos Cantos de Taberna, Maravallada, en colaboración coa

Concellaría de Festas de Pontevedra, organiza hoxe (21 horas) os Cantos de Varanda.

Tal e como puxeron de manifesto dende o Concello de Pontevedra, «dadas as obrigas do confinamento derivadas da situación sanitaria, os organizadores de Cantos de Taberna decidiron poñer en marcha esta nova iniciativa á que se poden sumar todas as persoas que o desexen dende as súas casas».

Para tomar parte nesta cita, habilitouse un enlace de Facebook -https://www.youtube.com/watch?v=V0dWXqavwxI&feature=youtu.be- para que «as persoas que o desexen poderanse sumar en directo á agrupación para cantar 3 pezas a través dos seus teléfonos, tabletas... e dende o seu balcón ou fiestra». A través desta conexión en directo mostraranse as letras das tres cancións que se interpretarán, polo que a duración estimada é duns 25 minutos.

Continuidade dos cantos

Tanto a Concellaría de Festas como Maravallada convidaron aos veciños a sumarse a esta iniciativa que busca «facer máis levadeiro o confinamento», pero tamén darlle continuidade aos Cantos de Taberna mentres que a situación sanitaria polo coronavirus non permita retomalo nos bares da cidade do Lérez.