O circo que se pasou ao galego e que loita contra a contaminación no mar

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAMÓN LEIRO

Chega a Pontevedra co seu espectáculo Oceánika, onde nenos e maiores descubrirán o que hai no fondo mariño

14 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos nenos, polo menos aos que ven a televisión, sóenlles facer de cando en vez unha pregunta que di así «¿Quién vive en la piña debajo del mar?». Si. Trátase da sintonía coa que se inicia o incombustible Bob Esponja, que sigue vivo e coleando despois de entreter xa a varias xeracións. Pero os nenos, como persoas pequenas pero listas que son, saben que hoxe en día, desafortunadamente, debaixo do mar non viven soamente seres divertidos, algas e animais de cores. Seguramente, todos, na casa ou na escola, oíron falar xa dese pesadelo que é a contaminación mariña; o feito de que os plásticos estean a ensuciar tanto os océanos. E por aí, precisamente, vai o espectáculo dun singular circo que volve estar de visita en Pontevedra. Trae ate a capital do Lérez -e despois levarao tamén a Vigo- un espectáculo chamado Oceánika, que é toda una declaración de intencións. Abofé que si.

O circo que pon en escena Oceánika chámase Evolution. E deseñou este espectáculo pensando en dúas cousas: quería facelo en galego, porque cre que unha terra que tan ben tratou sempre os números deste circo merece un show na súa lingua nai, e quería tamén que levase unha mensaxe reivindicativa, que fose un berro contra a contaminación. Todo iso, por descontado, sen perder a esencia do circo. Cativos e maiores atoparán nas funcións aos artistas clásicos, desde pallasos a malabaristas pasando por equilibristas, pero descubrirán tamén que é o que está a pasar no fondo do mar.

Onte, os artistas do Evolution e os técnicos estaban ensaiando. Entre exercicio e exercicio, cos aros ou entre decorados de peixes e corais, contaban a súa historia. O circo naceu da man dunha familia. Pero hai tempo que conta con moitos artistas contratados que ora van coas caravanas ora dormen en hoteis. O representante de todos eles, e do Evolution en si, é Luis Vila, un rapaz que é o vivo exemplo de como cambiaron as cousas nos circos. El ten 22 anos e está a estudar dúas carreiras da rama económica en A Coruña. Pero, a maiores, traballa por toda Galicia como representante do circo. Parece mago para dar feito tal cousa.

 Entradas a metade de prezo no Oferplan 

O circo Evolution, co espectáculo Oceánika, vai estar tres semanas en Pontevedra. A primeira función terá lugar hoxe ás sete da tarde. Poden comprarse entradas de forma anticipada a través da plataforma Oferplan. Neste portal, os billetes teñen un desconto do 53 %, custan só 7 euros fronte aos 15 da billeteira.