«O exercicio físico acuático pode axudar aos enfermos renais crónicos»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

David Rodríguez Rey traballa actualmente en Pontevedra
David Rodríguez Rey traballa actualmente en Pontevedra CEDIDA

Un estudio realizado polo monfortino David Rodríguez Rey recibiu un premio da Sociedad Española de Medicina Deportiva

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O monfortino David Rodríguez Rey traballa actualmente en Pontevedra como adestrador persoal, preparador físico de tenis e rehabilitador de lesións deportivas. A Sociedad Española de Medicina del Deporte acaba de premialo por unha investigación realizada dentro dun máster sobre actividade física, saúde e deporte que cursou na Universidade de Vigo. O seu traballo, titulado Efectos del ejercicio acuático en personas con enfermedad renal: revisión sistemática y meta-análisis e firmado conxuntamente con Carlos Ayán Pérez e Adriano Sánchez Lastra, será publicado na revista Archivos de Medicina del Deporte.

-Como se levou a cabo esta investigación?

-O traballo consistiu en recopilar a maior cantidade de información posible sobre o efecto dos exercicios acuáticos en persoas que padecen unha enfermidade renal crónica, revisar eses estudos e facer unha análise sistemática de todos eles, cruzando e comparando os datos que conteñen. Para iso houbo que ler e examinar moitos artigos científicos que tratan esta cuestión e que na súa maior parte están escritos en inglés. Cando terminou a revisión decidimos redactar e publicar o traballo non en inglés senón en castelán, precisamente porque en castelán hai moi poucas publicacións sobre este asunto, e para axudar a que en España avancen as investigacións neste terreo.

-En que consiste a meta-análise que se menciona no título do seu estudo?

-Consiste en analizar de forma conxunta os datos que figuran en todos os estudos que revisamos. Tratáse de comprobar se a potencia estatística da suma de todos eses datos confirma se o exercicio acuático ten ou non ten resultados beneficiosos para os enfermos renais crónicos, e no caso que si os teña, ver de que maneira son beneficiosos. Esta análise, na que se utilizaron unhas ferramentas estatísticas complexas, é a parte máis orixinal do estudo. Para a concesión do premio valorouse este carácter orixinal e novidoso, e tamén o feito de que axuda a abrir novas liñas de investigación nun campo que aínda está moi pouco estudado.

-Cal foi a conclusión que se puido sacar da investigación de todos eses datos?

-A conclusión sería que o exercicio acuático pode ter unha incidencia positiva nas persoas aqueixadas de disfuncións renais crónicas, unha doenza que reduce moito a calidade de vida dos afectados e que en moitos casos os obriga a pasar moito tempo facendo diálises. Dos estudos realizados ata agora despréndese que o exercicio no medio acuático ten un efecto beneficioso grazas a factores como a sensación de ingravidez e a temperatura da auga, que axudan á reforzar a adherencia dos pacientes. É dicir, que lles facilita a posibilidade de realizar un exercicio físico. Pero para ter máis certezas e para corroborar os datos publicados nos diferentes estudos que se realizaron ata agora hai que seguir realizando investigacións nes terreo.

Para a investigación houbo que reunir e analizar moitos artigos científicos, a maioría en inglés