Industrias da cultura


Por primeira vez non poderei asistir este ano ao Culturgal, a feira das industrias galegas da cultura que se celebra en Pontevedra e que converte a vila do Lérez no primeiro escaparate da nosa produción neste ámbito, un fenómeno crecente que dende hai anos nos instala na modernidade e que, malia limitacións e atrancos, que nunca faltan, non deixa de medrar. Con problemas, porque mentres esteamos vivimos haberá problemas, pero activos. Velaí a oferta, tanto en cantidade como en calidade. Ben sei que nestes casos hai sempre dúas maneiras de ver as cousas: a botella medio chea e a botella medio baleira, mais se enxergamos a realidade con perspectiva decatarémonos do moito que levamos andado. O país produce, mesmo exporta a súa produción, e iso é o que entendemos por universalidade, fronte ao pesimismo localista.

Con todo, a cultura galega ten unha cuestión de fondo sen resolver: non a produción, que é de calidade, senón a difusión, distribución, promoción, mesmo comercialización do que se produce. Aquí é onde temos dificultades e onde necesitamos estratexias. Na sociedade en que vivimos o mercado é o gran espazo de relacións, mesmo de comunicación, para calquera produto destas características. Os libros, as producións audiovisuais e escénicas, a obra plástica, a música, o deseño, existen na medida en que están visibles nos espazos de relación, que na sociedade en que vivimos -repito- son tamén mercados. Para iso é necesaria a industria cultural: para dar existencia real á creatividade.

Certo que non podemos aplicar exclusivamente criterios comerciais nestes ámbitos. O inútil tamén é útil. O discurso neoliberal dominante, instalado no materialismo inmediatista, tende a deixar fóra de xogo todo o que non pode traducir en beneficios económicos directos. Deste xeito fican arrombados dende Platón a Wittgenstein, o coñecemento da Historia, as Ciencias Sociais, as Humanidades, o Coñecemento do Medio, a Xeografía, os saberes universais e, ao fin, todo cando serve para a construción da base do pensamento, mesmo os alicerces dos valores da civilización e da cidadanía. Mais se non nos ven, se non saben de nós, se non logramos entrar nos circuítos de difusión, promoción, presenza activa no escaparate social, non existimos, e este é o desafío das industrias da cultura no século XXI, enfrontadas ao discurso da globalización e as transnacionais, as mecánicas do consumo de masas e as novas tecnoloxías, cuestións que, por certo, tamén afronta esta edición do Cultural 19. De nada serve escribir unha novela, armar unha partitura ou unha composición escénica, por exemplo, se temos que agochala despois nun caixón porque non dispoñemos de empresas distribuidoras para movela no corpo social.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Industrias da cultura