Un Museo soterrado en Pontevedra: reflexións para o debate

Álvaro Arizaga

PONTEVEDRA CIUDAD

Por Álvaro R. Arizaga Castro. Profesor e actualmente xefe de estudos na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia

29 nov 2019 . Actualizado a las 17:32 h.

O museo máis antigo e valioso de Galicia debe ser ambicioso. Noraboa polo proxecto de Valdecorvos. Pero, coma Ícaro voando cara ó sol, non debe excederse.

Sorprende que nas novas de prensa sobre o proxecto do subterráneo nin se mencione a escavación arqueolóxica que isto implica: escavación que sería interesantísima para a cidade (se partise dun proxecto real de investigación) pero que neste caso significa irremediablemente a futura destrución de todo o que alí apareza.

Resulta tamén incrible que non se contemple como posibilidade o que sucedeu e sucede no Museo de Ourense, que leva décadas pechado porque, facendo reformas, no seu subsolo apareceron restos arqueolóxicos extraordinarios e imposibles de encaixar no proxecto arquitectónico previsto.

Por outra banda, hai que ter respeito pola labor dos pioneiros museólogos. Este proxecto suporá / suporía a destrución final e definitiva do Museo de Casto Sampedro, tirando todo o interior e con el a “alma” do Museo, arrasando por exemplo a cámara da fragata Numancia que tódolos nenos dos arredores lembraremos toda a nosa vida. Toda desmontaxe será irreversible, porque as disposicións museísticas tradicionais tamén son patrimonio, como moi ben saben no Museo do Pobo Galego: haberá que lidiar cos seus problemas de accesibilidade e os seus defectos estéticos e de discurso, pero con certa sensibilidade patrimonial, non baleirando e conta nova. Véxase o exemplo positivo do Museo Pitt-Rivers, en Oxford.

En realidade, non presta falar de perda de “almas” e “esencialismos”, pero exactamente iso foi o que xa pasou coa desnaturalización doutro edificio histórico do noso Museo, o Sarmiento, pesimamente desaproveitado, camuflado e incluso “agredido”, en moitos sensos.

Será ? ironía ? que saímos da crise? ...Xa que voltan os proxectos arquitectónicos complexos, carísimos, mastodónticos e insostibles para as institucións culturais, dos que o chabolo do Gaiás é o principal representante pero non único. Queremos hipotecar o Museo? Non aprendemos nada?

As arqueólogas levamos 25 anos reclamando que a Deputación repare a desfeita que ela mesma cometeu arrasando a segunda arca megalítica decorada da Chan de Castiñeiras, un BIC que se nos deteriora e colapsa un pouco máis e para sempre, ano a ano, inverno a inverno. Co 0,1% do orzamento dese subterráneo sería máis que dabondo. E así tantos milleiros de pequenos proxectos do país, desatendidos…

Xerentes responsables dos recursos públicos: non dubidamos das súas boas intencións, pero isto semella un erro monumental. Os conservadores-restauradores de bens culturais sempre falan do criterio base da “mínima intervención”, e é por algo. Fagan unha enquisa a pontevedreses e turistas: a xente quere museos históricos, non buratos de deseño baixo terra. Deixemos en paz ós mouros da cidade vella. Muito coidado coa trabe de alcatrán. Reflexionen.