O compromiso

Xosé M. Buxán Bran DECANO DE BELAS ARTES

PONTEVEDRA CIUDAD

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:09 h.

Existe un antes e un despois a partir da creación de Belas Artes en Pontevedra. Porque sen esta facultade que a Universidade de Vigo radicou na Boa Vila nada sería igual en Pontevedra. E, por certo, tampouco na Galiza, que até ese momento (xustamente fará o ano que vén 30 anos do seu nacemento) aínda carecía dunha facultade de Belas Artes no país. Todos os medidores socioculturais e, tamén, a cidadanía acreditan en que Belas Artes é, xunto co Museo de Pontevedra, a institución cultural radicada na cidade máis coñecida e recoñecida polos seus concidadáns.

Ademais, neste contexto salienta a inmensa proxección exterior da nosa facultade. Se no pasado foron as Bienais de Arte as que situaron no mapa da arte contemporánea a cidade de Pontevedra, agora é o nome da nosa facultade en maridaxe coa cidade do Lérez, as que exportan e proxectan a ambas en museos, centros de arte e certames internacionais. Todo o cal, por certo, énchenos de orgullo e fondo agradecemento, mais tamén nos obriga a un maior compromiso.

Mais coidamos, en fin, que aínda queda moito por facer nesa complicidade entre a facultade e as institucións galegas. Resulta, por exemplo, en extremo paradoxal que nas moitas intervencións urbanas levadas a cabo no tecido urbanístico de Pontevedra, pero tamén en Galiza en xeral, aínda non se contou desde as institucións públicas cos estudantes, egresados ou profesorado da facultade. Sen dúbida, desde o coñecemento profundo que acreditamos na contemporaneidade artística, podemos contribuír á conexión entre a arte contemporánea e o urbanismo das cidades e vilas galegas.

Cómpre, pois, que abramos liñas de colaboración cos poderes públicos locais e provinciais, xerando concursos abertos de ideas nos que desde, entre outros eidos o muralismo ou a escultura, por exemplo, este sementeiro de creación contemporánea que é a nosa facultade faga posible xermolar producións plásticas a pé de rúa. E todo iso porque cremos que a cultura e a arte contemporánea farán de Galiza, sen dúbida, un país aínda mellor para as galegas e galegos, mais tamén para os seus moitos visitantes.