Os nomes das rúas protagonizan a Xornada de Onomástica Galega

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

RAG

O cuarto encontro organizado pola Real Academia Galega celebrarase o 19 de outubro no Museo de Pontevedra

02 oct 2019 . Actualizado a las 13:22 h.

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro 19 de outubro no Museo de Pontevedra a IV Xornada de Onomástica Galega. O encontro, organizado pola Academia coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o propio museo, estará dedicado aos nomes das rúas e contará con catorce especialistas que profundarán no seu sistema de conformación nos centros urbanos de Galicia. O programa prestará atención ao compoñente social, histórico e político que subxace nestes nomes e acollerá a presentación dunha proposta de modelo para as novas denominacións das rúas, baseada na premisa de recorrer primeiro ás formas tradicionais previas antes cás conmemorativas.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadora do encontro, presentaron esta mañá no museo a IV Xornada de Onomástica Galega. Tamén se deu a coñecer o libro das actas da edición anterior, dedicada aos alcumes, con dez achegas arredor dos nomes que se lles dan coloquialmente ás persoas en lugar do seu propio. En ocasións anteriores a Xornada de Onomástica Galega abordou os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos das persoas e, na primeira edición, a microtoponimia.

Víctor F. Freixanes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra na organización dunhas xornadas que dende hai catro anos converten Pontevedra na «capital dos estudos onomásticos». A cidade, dixo, é un «territorio especial» na historia das actividades da Real Academia Galega, unha condición que continúa a través de iniciativas como estes encontros do Seminario de Onomástica da institución. José Manuel Rey manifestou na mesma liña a vontade do Museo de Pontevedra de «reforzar unha cooperación que ten longa tradición» e que agarda que «continúe ao longo do tempo».