Giovanni Imparato, prata no Open de Varsovia na antesala do seu debú no Campionato de Europa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Cedida

O vilagarcián do Mace Sport chegou á final tras combatir lastrado por una lumbalxia no seu primeiro torneo en tres meses

26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres meses levaba Giovanni Imparato Pomares sen disputar un campionato oficial. Desde que no mes de xuño se colgara en Valladolid unha das dúas medallas de bronce no Campionato de España Júnior, no cadro de menos de 51 quilogramos. A pasada fin de semana o taekuondista vilagarcián do Mace Sport de Pontevedra abríu a nova tempada cun excelente resultado internacional. Facéndose coa medalla de prata do Open de Varsovia no cadro júnior de menos de 55 quilogramos, competición de categoría G-1 na que formaba parte dunha expedición de media ducia de loitadores galegos.

O balance de Giovanni Imparato na cita polaca eleva a súa cotización, máis cando desde o seu segundo combate tivo que competir tocado por unha lumbalxia. De aí en parte que, tras superar con relativa facilidade o luxemburgués Alej Je Hubkratok, 26-15, venceu con dificultade os seus dous seguintes atrancos no camiño á final, e en ambos os dous casos, debendo remontar unha importante desvantaxe inicial. De 13 puntos no caso do británico Muhammad Ahmed, cun estreitísimo 26-27 final; e de 7 co bielorruso Siarhei Lukashevich, ao que rematou dobregando na súa semifinal por 16-11. Idéntico resultado este ao que lle deu o título ao italiano Dennis Baretta ante o arousán.

Sen dúbida, foi esta unha excelente maneira de completar a primeira semana como novo alumno interno do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, no que Giovanni vén de entrar con 16 anos, e de encarar os seus últimos días de preparación de cara á que será a estrea do taekuondista do Mace Sport no Campionato de Europa Individual Júnior, a vindeira semana, do 4 ao 6 de outubro nas instalacións de Marina D’or (Oropesa del Mar, Castellón).

Unha cita esta última para a que Giovanni gañou o pasaporte no último Campionato de Europa de Clubs, conquistando o título en menos de 51 quilogramos. Este fin de semana o vilagarcián disputará o Open de Moaña como derradeiro test previo á súa estrea no gran campionato continental na penúltima etapa de formación. Faino logo de tentar mellorar a súa técnica este verán acudindo a un campus de tecnificación en Serbia, integrado, xunto coa súa irmá e tamén taekuondista Alessandra, nunha expedición do Natural Sport de Ribeira. Posteriormente, en agosto, participou nunha concentración dunha semana no Centro de Alto Rendimiento de Murcia co resto dos loitadores españois que disputarán o Campionato de Europa Individual Júnior.