As voces femininas serán as protagonistas do 15 aniversario de Cantos na Maré

xiana r. olivares

PONTEVEDRA CIUDAD

CLAUDIA GÓMEZ

O festival lusófono regresa a Pontevedra para celebrar a súa edición número 15, que acollerá máis de 20 concertos, con artistas de oito países

31 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco espazos da cidade serán escenario e testemuña directa das voces máis virtuosas da lusofonía no marco do festival Cantos na Maré. Entre o 13 e o 15 de setembro o Pazo da Cultura, o Teatro Principal, o Museo de Pontevedra, a praza da Pedreira e as rúas do casco histórico rebordarán música, cultura e arte da man dun cartel encabezado sobre todo por mulleres.

Recoñecidas intérpretes do jazz, o flamenco ou as cantigas converteranse durante tres xornadas no eixo hipnótico do ambiente local, no corazón dunha cidade que caerá presa da mestría delicada e pracenteira das mellores voces internacionais, en máis de vinte concertos nos que actuarán artistas procedentes de ata oito países distintos.

Encabeza a lista a estrela caboverdiana Mayra Andrade -que vén de lanzar o seu quinto álbum, Manga- cun concerto o sábado 14. O domingo 15 pecharán o festival o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira, que xuntas forman Enredadas. Ese mesmo día actuará a cantora de jazz Maria João, acompañada do pianista Pablo Lapidusas.

O cartel é das mulleres

Como xa adiantan os nomes das artistas que protagonizarán o 15 aniversario de Cantos na Maré, hai unha intención manifesta por dar unha ampla presenza á muller no festival. “Estamos moi presentes neste mundo e temos ganas de mudalo”, afirmou a directora artística do evento, Uxía.

Pero aínda quedan moitas sorpresas por desvelar e algúns nomes por descubrir nesta edición tan especial de Cantos na Maré, para o que será imprescindible achegarse pola zona ao longo deses días. Se cadra, poderán perderse entre os cantos de taberna que percorrerán os distintos locais xa que, en calqueira caso, «o canto é o que nos une e a música derruba fronteiras», apuntou a directora artística.

Os abonos e as entradas para os concertos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa están á venda na páxina web do festival. Para completar a experiencia, o evento conta cunha serie de actividades de balde para todos os públicos. Así, o Museo de Pontevedra acollerá a nova proposta experimental de Antón Reixa, Melancoholemia.

A esencia de Cantos na Maré está escrita. O director de Nordesía, Vítor Belho, define o encontro como «un proxecto en transformación, que trascende os seus propios contidos». O festival lusófono que naceu hai 15 anos na praza da Ferraría é xa unha cita consolidada nos derradeiros compases do verán.