Xosé Baamonde: «A comunicación ten que ser xestionada por un profesional»

A facultade ultima os actos do seu 25 aniversario. Busca poñer en valor aos seus titulados


pontevedra / la voz

Xosé Manuel Baamonde Silva (Ribeira, 1970) cumprirá o próximo 17 de decembro catro anos ao fronte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra. El e o seu equipo están inmersos nos preparativos para o vindeiro curso e tamén nos actos para conmemorar o 25 aniversario da facultade.

-A facultade cumpre un cuarto de século. ¿Que buscades cos actos do aniversario?

-Buscamos un dobre obxectivo porque 25 anos non se fan todos os anos. Queremos aproveitar para consolidar os vínculos que temos cos nosos exalumnos, poñer en valor o talento que saíu desta facultade porque hai egresados ocupando postos moi importantes en empresas e teñen moito que contar. Non é so o tempo que pasaron aquí, forman parte da comunidade da facultade. E por outra parte darlle visibilidade á facultade para que a sociedade galega e os empresarios coñezan que poden facer por eles os egresados en comunicación. A comunicación é esencial e os nosos alumnos teñen capacidade para ser moi positivos para as empresas que necesitan ter unha reputación.

-¿Nesta sociedade globalizada e cambiante aínda hai xente que non o entende así?

-Algúns empresarios medianos e pequenos aínda non entenden que a comunicación ten que ser xestionada por un profesional, é como calquera área do seu negocio. A súa marca necesita un profesional que lle dea visibilidade en positivo, unha reputación, un prestixio que se vai trasladar a súa conta de resultados.

-¿Como e cando van ser eses actos do 25 aniversario?

-A semana central vai ser do 7 ao 11 de outubro, antes da ponte do Pilar, pero faremos cousas durante todo o curso. Queremos centrarnos en mesas nas que virán egresados das distintas promocións para explicar aos alumnos a realidade do mercado actual e cales son as perspectivas de futuro da comunicación. Que conten a súa experiencia e ter unha gran xuntanza ese venres para que nos poñamos cara. Hoxe a través das redes hai contactos, pero o importante é o contacto máis directo e persoal.

-Se tivera que facer unha radiografía, ¿como diría que é saúde dos tres graos que se imparten en Ciencias Sociais?

-Impartimos tres títulos e formamos profesionais que solucionan problemas ben de comunicación como de xestión. Ese diría que é o nexo de unión dos tres graos. Tamén teñen un compoñente creativo importante. Hai dous títulos, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, que xa pecharon prazas para o curso que vén, e Dirección e Xestión Pública, que ten máis dificultades, pero que estamos tentando relanzar.

-Unha desas medidas é que no curso 2020/2021 Dirección e Xestión Pública poderase cursar de xeito totalmente on line...

-Imos poñer en marcha a primeira experiencia virtual ofertando o grao presencial e tamén totalmente on line. Este é un grao que ten un público ou un perfil de xente que xa está traballando e ao mellor necesita un título para ampliar a súa formación ou medrar na súa carreira profesional e imos ofrecer esa posibilidade de que sexa totalmente on line. Cremos que esa posibilidade pode facer que este grao teña unha maior demanda, non só en Galicia senón tamén en España.

-Falaba antes de creatividade. Pontevedra vai impartir tamén no curso 2020/2021 un novo grao en Deseño e Creación. ¿Que papel vai xogar Ciencias Sociais?

-O grao encaixa perfectamente no que é o campus Crea, que ao final é a marca que envolve ao campus de Pontevedra e á cidade, que ten un compoñente creativo importante. Nós imos colaborar, non tanto como facultade, pero si os departamentos van colaborar na docencia. Son títulos que van facer que flúan os estudantes duns a outros incluso no tema dos mestrados. Nós temos tres, Comunicación Dixital, Dirección de Arte Publicitaria e Liderado Institucional, que poden ser complementos dese grao.

-Cando tomou posesión como decano no 2015 comentou que un dos retos era conseguir dobres graos con outras facultades e universidades. O convenio coa Universidade de Sao Paulo para Dirección e Xestión é o único. ¿Por que non se avanzou máis?

-Aínda estamos traballando nese aspecto. Este ano centrámonos na elaboración de dous novos plans de estudos. Renovamos o plan de estudos de Comunicación Audiovisual, porque como é unha titulación que tamén hai na UDC e na USC, dende a Xunta reclamóusenos que houbera unha especialización, que enfocamos dun xeito máis acorde aos novos tempos máis centrados na produción e realización dixital. E tamén renovamos o plan de Dirección e Xestión Pública para adaptalo a esa vindeira versión on line. Todo este traballo non nos permitiu aínda centrarnos nos dobres graos, pero seguimos con esa idea para o futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xosé Baamonde: «A comunicación ten que ser xestionada por un profesional»