«Que viñese a RAG foi difícil ao ter que viaxar con escolta García Sabell»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Boborás e O Carballiño acolleron os actos do 17 de Maio en lembranza do filósofo

26 ago 2019 . Actualizado a las 11:19 h.

A morte levouse cedo a Antón Losada Diéguez (Moldes, Boborás 1884 - Pontevedra, 1929) e esa foi a causa de que as moitas angueiras e proxectos nos que estivo implicado non tivesen o recoñecemento que se merecían. Só tiña 45 anos na altura do seu falecemento e atrás quedaban iniciativas vencelladas ás Irmandades da Fala, aos movementos agraristas, á política nacionalista e a un activismo cultural de primeira liña que o levou dende as escavacións arqueolóxicas á fundación da Coral de Pontevedra, entre outras iniciativas. E, por riba de todo, Losada foi quen de atraer a persoeiros como Otero Pedrayo á causa galeguista e de idear e promover a revista Nós. Justo González Beramendi, autor do volume das súas obras completas, ten lembrado en máis dunha ocasión este feito: «As Irmandades da Fala tiñan un órgano político e organizativo fundamental dende 1916, que era A Nosa Terra, pero non unha revista ou unha plataforma cultural. A idea de crear a revista Nós foi de Antón Losada Diéguez e data de 1919 -a carta na que lle traslada a proposta a Risco aparece recollida no libro de Joaquim Ventura Epistolario de Vicente Risco a Antón Losada Diéguez, editado pola Deputación de Ourense no 2010-. Losada viña de deixar o Instituto de Ourense e trasladarse a Pontevedra. Está en contacto con Risco, Castelao e Arturo Noguerol e crean a Sociedade Nós. A primeira obra que publican, antes da revista, é un poemario de Antón Noriega Varela».

Do silencio ao 17 de Maio

Viñeron malos tempos logo da morte do galeguista de Moldes: guerra, represión do nacionalismo, fascismo, silencio... e o esquecemento.

O Concello de Boborás foi pioneiro na reivindicación do seu egrexio veciño. Paseniñamente, a institución que presidía o alcalde Cándido Cabanelas Barros comezou a organizar actividades para reivindicar a Losada Diéguez: iniciativas cos colexios e con institucións vencelladas á memoria do intelectual e unha lembranza en bronce para dar conta do centenario do seu nacemento, a placa que nomea como Encrucillada Antón Losada Diéguez o espazo xunto á entrada do pazo familiar.

Do mesmo ano, 1984, data o libro Homenaxe a Antón Losada Diéguez, publicación promovida polo Concello do Carballiño e coordinada por Luís González Tosar, quen xunto con Luís Losada -fillo do galeguista e o encargado de poñer en marcha, e dirixir na súa primeira etapa, a Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG)- foi un dos impulsores e máis firmes valedores para recuperar a figura do intelectual de Moldes.

Os esforzos deron o seu froito coa decisión da Real Academia Galega de adicarlle o Día das Letras Galegas de 1985. Un feito que foi o pulo necesario para que durante todo o ano se reivindicase e recuperase a figura e o legado de Antón Losada Diéguez por toda Galicia, de xeito sobranceiro naqueles lugares cos que mantivo unha estreita relación por motivos familiares ou profesionais: Moldes e a comarca do Carballiño, Pontevedra, Ourense e A Estrada.

A data simbólica do 17 de Maio de 1985 converteu a Moldes e O Carballiño en referentes da festa da cultura galega. Ata a capela de San Mamede achegáronse os representantes da Real Academia Galega, co seu presidente Domingo García Sabell á fronte, para homenaxear a Losada e depositar unha coroa de flores no sartego onte está soterrado o filósofo galeguista. Logo houbo visita e un acto na súa memoria no pazo natal da familia. A xornada tivo o outro punto de referencia en O Carballiño, onde se celebrou unha xuntanza extraordinaria da Real Academia Galega na Casa da Cultura. Tamén houbo recepción no Concello e un xantar de irmandade organizado polos concellos de Boborás e O Carballiño, coa colaboración da Deputación. Argimiro Marnotes lembra as dificultades para organizar a sesión da RAG: «Que viñese a Academia foi difícil ao ter que viaxar Domingo García Sabell -daquela o seu presidente- con escolta por ser o delegado do Goberno en Galicia. Esa circunstancia complicou moito a organización das actividades».

Fundación e premio

Aquel 17 de maio de 1985 Luís Losada anunciou a intención de crear unha fundación que levase o nome do seu pai e tamén se fixo pública a proposta de promover un premio que mantivese viva a memoria e o legado de Losada Diéguez. Fundación e galardóns son realidade dende hai anos.

Outros ourensáns, ou persoeiros vencellados a Ourense, aos que se lle adicaron as Letras Galegas foron Curros Enríquez (1967), Cuevillas (1968), Lamas Carvajal (1972), Vicente Risco (1981), Otero Pedrayo (1988), Celso Emilio Ferreiro (1989), Eduardo Blanco Amor (1993), Ferro Couselo (1996), Eladio Rodríguez (2001), Xaquín Lorenzo, Xocas, (2004) e Carlos Casares (2017).