México

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

PONTEVEDRA CIUDAD

09 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moitos días, a cantante e activista mexicana Lila Downs encheu, ata a bandeira, o Pazo da Cultura de Pontevedra na súa única visita a Galicia neste ano 2019 cun concerto marabilloso. Alí presentou o seu novo traballo Al chile, dedicado, obviamente, a esta raza de pementos típicos mexicanos, tan abrasadores coma sabedores.

Lila xa participara no noso traballo Saudade, do ano 2005, sobre a emigración galega en América, cantando un poema do escritor arxentino Raúl González Tuñón titulado Toca a gaita Domingo Ferreiro, que nós musicamos e no que Lila nos sorprendía co seu virtuosismo vocal e interpretativo. Naquel momento non puiden coñecela persoalmente, mais, desta volta, tiven a oportunidade de conversar uns minutos con ela antes da súa saída a escena. Nese pouco tempo no que puidemos falar xuntos viñéronme moitas lembranzas á cabeza, como a do pai do meu pai, o meu avó Xerardo, que emigrou á cidade de México, alí morreu e alí continua soterrado, ou a dos meus dous irmáns, que emigraron para aquela incrible terra, como seguindo a estela do avó, sempre coa idea de retornar máis cedo que tarde.

Lembrei tamén as imaxes que eu mesmo gardaba na memoria das dúas visitas que fixen a este país nos anos 1986 e o 2017, e que me levaron a lugares dos que quedei fascinado pola súa riqueza cultural, un territorio con máis de 60 linguas indíxenas vivas, aínda que algunhas, por desgraza, en claro perigo de desaparición, cunhas tradicións milenarias impresionantes como a do espectacular culto á morte ou unha gastronomía que non deixa indiferente a ninguén, así como un tesouro fundamental, que é ter unhas xentes tan acolledoras e agarimosas.

No presente, todos os que amamos o respecto pola diversidade e as tradicións estamos expectantes co mandato deste novo presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, un home tranquilo elixido nas últimas eleccións cun amplísimo apoio popular e que chegou coa idea de insuflar unha corrente de aire limpo ao tan complexo e delicado panorama político e social mexicano.

Veremos!