A gran festa dos libros en Pontevedra

Máis de setenta autores pasarán pola carpa da Ferraría para firmar exemplares


Pontevedra / La Voz

Por terceiro ano, Pontevedra acolle ata o domingo a Festa dos Libros, unha cita que organiza o Concello en colaboración con trece librarías. Ao longo deses tres días, a praza da Ferraría converterase en punto de encontro de escritores, libreiros, editoriais e amantes da literatura, ao tempo que se poderá adentrar na oferta de Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz, que manterán os postos abertos de 11 a 14 horas e de 18 a 23 horas, agás o domingo, que pecharán ás dez da noite con desconto dun 10 %.

En canto a programación, esta verase reforzada coa presenza de máis de setenta autores, que participarán nunha trintena de actividades. Así, autores como Fina Casalderrey, Diana López Varela, Eli Ríos, Eva Mejuto ou Xosé Manuel Conde, entre outros, darán a coñecer os seus últimos traballos. Neste eido destaca a presenza de Carlos Bardem o domingo pola tarde presentando Mongo blanco, novela histórica sobre o maior traficante de escravos de España do século XIX, pero tamén a de Manuel Rivas (venres, 19 horas) falando sobre literatura e pensamento en liberdade, así como das súas últimas obras publicadas: Vivir sen permiso e outras historias do Oeste e Contra todo iso. Un manifesto rebelde.

O pontevedrés e próximo pregoeiro das Festas da Peregrina, Manuel Jabois, traerá, de igual modo, á carpa da Ferraría o seu último traballo, Malaherba, no que afonda sobre a perda da inocencia e os primeiros espertares da infancia a temas como o amor e a morte. E Ledicia Costas (sábado, 19 horas) dará a coñecer o seu thriller psicolóxico Infamia.

Os afeccionados á literatura, ademais, poderán atoparse cos seus autores favoritos para que lle firmen exemplares dos seus libros. Entre eles, confirmouse a presenza de Iria Collazo, Manuel Lourenzo, Kiko da Silva, Susana Sánchez Aríns, Xosé Monteagudo ou Milagros Bará, entre outros moitos nomes propios.

Entre as actividades paralelas programadas para a fin de semana, a organizada o sábado pola Libraría Paz e que, baixo o título de Enfiando lecturas, proporá un encontro con Antón Lopo, Adolfo Caamaño, Jorge Campos e Susana Sánchez Aríns. De igual modo presentarase Castelao. Construtor da nación (Tomo I, 1886-1930), «primeiro tomo da monumental biografía de Castelao asinada por Miguel Anxo Seixas», destacaron dende o Concello de Pontevedra.

O domingo, pola súa banda, celebrarase a mesa redonda sobre a teoría da orixe galega de Cristovo Colón, ¿Colón galego? Unha orixe máis aló dos libros, na que participarán Aquilino Fariñas Godoy, María Fidalgo Casares e Afonso Eiré López. Ese mesmo día, pero ás oito da tarde, Tamara Andrés desenvolverá a acción poética Sabes o que queres. Escoita.

Nunha cita co suxestivo nome de Festa dos Libros non se poderían esquecer dos máis pequenos. Deste xeito, desenvolverase unha completa programación infantil que arrancará o mesmo venres ao mediodía cun obradoiro de Estefanía Padullés, ¿A manchas ou a raias?, un conto para nenos e nenas maiores de catro anos para aprender a respectar a diferenza. Posteriormente, será a quenda de Polo Correo do Vento e a súa detective Peregrina que, no marco dun contacontos ilustrado, terá que resolver o insólito caso Antonio Fraguas.

O sábado, os poetas Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, co acompañamento musical de Lurdes López, presentarán Versos e viceversos, da man de Kalandraka. E ao día seguinte os protagonistas de Ratos de viaxe farán unha parada en Pontevedra co seu autor, Xosé Manuel González, Oli.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A gran festa dos libros en Pontevedra