«Na Rapa chegan a un punto de comunión case místico»

A artista de Monforte afirma que «paso máis tempo en Pontevedra que na miña casa. Empezo a ter o corazón partido»


Rosa Cedrón é un dos nomes propios do cartel do Rapasons, festival que se desenvolverá entre o 5 e o 8 de xullo co gallo da programación de A Rapa das Bestas de Sabucedo que se presentou onte no Pazo das Mendoza de Pontevedra.

-Na súa intervención falou de que este festival é especial...

-Eu tomei contacto co mundo dos cabalos non hai moitos anos grazas a Jorge Casal, que é un dos aloitadores, e quedei namorada. Estou botada a perder e xa non hai volta atrás. Non coñecía este mundo. É algo marabilloso o que está a facer esta xente, como loitan polos seus montes, pola súas bestas, por manter tradicións e costumes que se remontan a séculos. Non é so unha festa ou un espectáculo. Hai moitísimo detrás desa pantalla que son os tres días. Hai algo especial en ver ás bestas e aos homes man a man. Aquí non hai paus, nin sogas, nin nada. Hai unha morea de tolos que non saben onde se meten. Quen pense que os cabalos o pasan mal... As veces nin con tres homes os poden tombar ao chan. Creo que chegan a un punto de comunión e entendemento case místico.

-¿A música amansa ás bestas?

-Si, a música amansa ás bestas, a música é marabillosa, é un vehículo fantástico para mover as xentes, mover as almas. É marabilloso que algo como a Rapa estea rodeado de música. Ao final é todo cultura.

-O Rapasons permite coñecer grupos que cantan que cantan en galego que noutras citas non terían cabida.

-Claro que si. É verdade. Agora mesmo en Galicia hai moitísima xente a facer música, propostas moi interesantes que se saen do de sempre, do folk, do rock, do pop... Hai un crisol fantástico de música e músicos, de autores e creo que festivais como o Rapasons, aínda que son máis humildes, están facendo unha labor, quizais, máis salientable e valiosa que outros que para arrastrar ás masas tiran un pouco de nomes.

-No seu caso, actúa pola mañá e en domingo...

-Vou ter que “aloitar” as miñas cordas vogais. O sábado vai ser monacal completamente, de retiro espiritual.

-Xa que estamos en Pontevedra, para cando un novo concerto de Rosa Cedrón nesta cidade.

-Para cando queirades. Ultimamente, paso máis tempo en Pontevedra que na miña casa... Empezo a ter o corazón un pouco partido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Na Rapa chegan a un punto de comunión case místico»