Miguel Anxo Fernández Lores: «O BNG está nunha fase de crecemento, e teño moitas esperanzas»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Lores, este xoves no seu despacho no concello de Pontevedra
Lores, este xoves no seu despacho no concello de Pontevedra RAMÓN LEIRO

O líder do BNG en Pontevedra vén de firmar o primeiro acordo BNG-PSOE nas cidades galegas, o que lle garante un sexto mandato

14 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) será proclamado mañá alcalde de Pontevedra por sexta vez. Tras un último mandato en solitario e en minoría, esta vez volve pactar un goberno de coalición co PSOE.

-Na última entrevista [o 30 de maio, catro días despois das eleccións] díxome vostede que «estamos nese momento en que pedides que conteste a preguntas que aínda non teñen resposta». Agora que xa firmou o pacto, ten xa respostas?

-Temos chegado a un acordo que eu penso que é positivo, e polo tanto estamos contentos. Se non houbese esa vontade por parte das dúas partes para chegar a acordos estariamos nunha situación diferente, claro… Pero non pasaría nada, eh? Xa temos gobernado en solitario con 10 e con 12 concelleiros.

-Chama a atención a rapidez deste pacto. Estaban as cousas tan claras?

-Teño que dicir que houbo unha actitude construtiva de achegamento, de buscar alternativas… Indiscutiblemente sumamos 15 concelleiros, un 55 % do voto. Representamos claramente á maioría social e teremos máis tranquilidade para dedicarnos ao que temos que facer e non andar negociando cada dous por tres.

-O acordo co PSOE é o primeiro das cidades galegas. Pode influír noutros pactos?

-É que en Pontevedra gústanos ser pioneiros, para pechar pactos tamén. Vostede xa sabe que a nivel nacional a idea é favorecer gobernos progresistas e pechar o paso ao PP, que é o pasado. Ese é o marco, pero as decisións son locais.

-No acordo de goberno hai concesións polas dúas partes?

-Non hai cousas demasiado rechamantes porque non temos demasiadas discrepancias de fondo. Non as hai. Creo que nas cuestións fundamentais estamos de acordo.

-Naquela entrevista despois das eleccións falaba vostede de darlle unha voltiña a todo.

-É que este é un novo mandato, un novo ciclo. Imos repensar cousas. Estamos sendo pioneiros nun modelo urbano que ten que ver coa cohesión social, con facer cidades habitables, con recuperar espazos para os cidadáns e crear unha cidade sostible, ecolóxica, dos nenos e das nenas, educadora…

-Diso xa levamos tempo falando...

-Estamos aí, claro, e somos un referente. Agora trátase de dar máis saltos adiante. Concretalo cunha actividade económica relacionada coa creatividade, con novos nichos de emprego que, obviamente, non serán de industria pesada, e que si terán que ver co territorio, coas nosas potencialidades. O que si sabemos é que cando ti te conformas ou te estancas… xa o di o proverbio, «pescadilla que se duerme se la lleva la corriente». Queremos seguir sendo innovadores, empezar un novo mandato repensando cousas e dando saltos adiante. Somos plenamente conscientes de que temos avanzado moito nestes anos, pero queremos máis.

-Como que?

-Seguir facendo cousas que aínda non están feitas en ningún sitio, como o plan de compostaxe, o transporte baixo demanda… Tomar decisións políticas para mellorar a vida da xente, evolucionar e buscar alternativas para que a xente de Pontevedra viva mellor. E facelo con confianza. Confianza nas propias forzas, confianza no país e confianza en que somos capaces de seguir facendo cousas.

-Cal será o papel do BNG na Deputación de Pontevedra?

-A min non me corresponde dicilo. Podería dicir abertamente que non teño nin idea.

-Pero gustaríalle ver ao BNG de novo no goberno ou non?

-Mire, nós non temos estruturas provinciais, senón comarcais, pero en todo caso mentres existan as deputacións estaremos aí para manter a nosa liña política. No último mandato estivemos no goberno e foi moi positivo. Acabouse con certas prácticas caciquís. Seguiremos nesa liña, non sei se no goberno ou na oposición, pero a posición política é a mesma.

-Non obstante, o BNG non rendibilizou o seu paso polo goberno. Baixou un deputado.

-Subimos vinte mil votos e baixamos un deputado, é así.

-Nun ano hai autonómicas. Como ve o BNG?

-Hai unha imaxe diferente, con mensaxes en positivo que teñen que ver coa confianza no país, no futuro deste país. Quen está nun ciclo que se acaba é o PP, que malamente dá conta do recado. Creo que a xente quere un revulsivo, unha alternativa, e nós estamos aí. Estou satisfeito da liña que se está a levar agora a nivel autonómico por parte da voceira nacional.

-Recuperará o BNG a xente que marchou nos últimos anos?

-Eu penso que xa se está a recuperar, non? Duplicamos votos nas eleccións xerais, subimos nas municipais, confirmámolo nas europeas... Estamos nunha fase de crecemento e teño moitas esperanzas.