«O Pazo de Lourizán non está mal polo paso do tempo exclusivamente»

Di que se Deputación e Xunta non fan nada para protexelo, o Concello é responsable de que o inmoble se manteña


pontevedra / la voz

Ernesto Vázquez-Rey (Pontevedra, 1987) é procurador e presidente da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra. Gran coñecedor da historia do Pazo de Lourizán, abriu este luns as Xornadas da Dignidade, organizadas no Centro Social Casa do Mercado de Estribela pola Asociación de Veciños Estriceres.

-Falou de Eugenio Montero Ríos (1832-1914) e o Pazo de Lourizán. ¿Como foi esa relación?

-No marco das xornadas que organiza a asociación de veciños abordei a vinculación de Montero Ríos con Lourizán a través do palacio. Montero era natural de Santiago pero chega a Pontevedra por razóns laborais, por ocuparse aquí duns preitos que levaban os herdeiros de Anastasio Pulgar, unha das maiores fortunas de Pontevedra da época. Montero, que era un abogado especialista na problemática floral, se encarga do preito. Pero logo acaba quedando a vivir en Pontevedra e establece a súa residencia habitual en Lourizán.

-Faino xa como político...

-Si. A partir da revolución gloriosa de 1868, cando botan a Isabel II fóra de España, xa establece a súa residencia en Lourizán.

-¿Diría que Montero Ríos tivo un frechazo co pazo?

-Creo que foi a súa gran propiedade. É dicir, de todo o que el tivo, porque tivo moitísimas propiedades en Madrid e noutros puntos de España pola súa muller que era de procedencia luguesa pero tamén tiñan propiedades en Cáceres e en Andalucía, creo, e así o manifesta Montero no seu testamento cando reparte a herdanza entre os seus descendentes, que Lourizán foi a propiedade á que máis cariño lle tivo. Tamén é certo que foi na que máis cartos investiu e na que tiña un proxecto de futuro. El ao final quería convertir Lourizán nun proxecto pioneiro de agricultura, non só era facer un pazo, un palacio. Sempre falamos de pazo pola tradición galega e aínda que son sinónimos os nomes, isto é arquitectura palaciega. Non hai exemplo de arquitectura como a de Lourizán en toda España. Teriamos que ir a Francia.

-O pazo recibe moitas visitas de xente de fóra de Pontevedra. Pero, ¿os veciños do municipio coñecen o pazo e a súa finca?

-Sei que durante unhas décadas, sobre todo na época dos meus pais, nos anos 60, 70 e incluso nos 80 as fotos da voda íanse facer a Lourizán. Era como un ritual, algo que sempre se facía polo marco. Era un marco incomparable aínda que xa nos últimos anos o deterioro era moi elevado. A arquitectura e as escaleiras, a fachada, foi a parte que mellor se mantivo. É unha mágoa que a xente non coñeza ao personaxe, á familia, aos artistas que pasaron polo pazo. Don Eugenio é coma unha bisagra. El é o personaxe que engrandece a propiedade, pero antes ca el hai outros. Francisco Genaro Ángel, que era unha das maiores fortunas de Pontevedra, Santos Triguero tamén estivo alí, o marqués de la Sierra, que tamén foi propietario do pazo. Hai todo un pasado, incluso medieval porque o pazo viña ser unha estrutura máis pequena e fortificada propiedade de Tristán de Montenegro, aquel heroe pontevedrés. Unha construción nesa finca xa existía na época das revoltas irmandiñas.

-¿O pazo no seu estado é un exemplo paradigmático do mal facer das Administracións?

-Lourizán é o paradigma, o exemplo concreto de como as Administracións se pasan o balón dunhas a outras sen vontade de facer absolutamente nada. Neste caso vense implicadas tres: a Deputación que é a propietaria, a Xunta que a ten en explotación mediante un convenio coa propia Deputación, e o Concello de Pontevedra, que subsidiariamente é responsable de que o Pazo se manteña. Así o establece a Lei de Patrimonio. Se as demais Administracións non fan nada, o Concello ten que facerse responsable desa obra e logo repercutir eses gastos.

-¿Existe un risco real de que se poida perder ese patrimonio?

-Nós, dende a Asociación de Amigos do Museo, estamos moi preocupados sobre todo pola zona norte. A galería norte foi a que sufriu a mala praxe. O pazo non está mal polo paso do tempo exclusivamente. Está mal porque os últimos capataces que tivo Lourizán fixeron obras que eran pouco adecuadas ou incluso nocivas. A galería norte está así porque no seu momento había unhas goteiras e para tapalas botouse formigón por riba. Cando Jenaro de la Fuente en 1909 construíu esa galería non estaba pensada para soportar peso.

-¿Canto máis se pode esperar para tomar medidas?

-Eu creo que non vai tardar moito en que algo pase. No 2017 cando fixemos un relatorio sobre o pazo xa pediamos a súa declaración como BIC para que tivera máis protección e un marco xurídico que o amparara.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O Pazo de Lourizán non está mal polo paso do tempo exclusivamente»