No día mundial do medio ambiente

Alberto Oubiña, concelleiro de Medio Ambiente Natural

PONTEVEDRA CIUDAD

BNG

O concelleiro de Medio Ambiente Natural reflexiona sobre a contribución de Pontevedra á loita contra o cambio climático

04 jun 2019 . Actualizado a las 16:16 h.

A ONU decidiu centrar o día mundial do medio ambiente de 2019 na contaminación aérea do planeta, e especialmente das áreas nas que residen a maior parte das persoas: nas cidades. Aínda que poida parecer un problema alonxado do noso día a día, todos e todas podemos contribuír a mellorar a calidade do aire, e achegar o noso gran a este reto de futuro das cidades do mundo.

O obxectivo do protocolo de Kyoto é reducir no ano 2020 o 20 % das emisións de« gases de efecto invernadoiro» (IGE). E o triste resultado é que o pasado 11 maio rexistrouse a cifra récord de CO2 na atmosfera, superando por primeira vez os 415 ppm. Nunca antes o ser humano vivira con tanto CO2 na atmosfera.

Pontevedra non permanece impasible ante esta situación. Nunha década conseguiu reducir o 65% do CO2. De feito ese logro permitiu que fose convidada a participar na Convención do Clima de París de 2015.

As estatísticas municipais, atendendo aos estudos de tráfico, amosan que no ano 1996 a cidade consumía 14,4 millóns de litros de combustible polo tránsito de vehículos, emitindo 36,4 millóns de quilos de CO2 á atmosfera. No ano 2014 as cifras situáronse en 5 millóns de consumo de combustible e unha redución a 12,8 millóns de kg de CO2 á atmosfera; unha rebaixa do 64,8%, que se eleva ao 87,6% no caso do centro da cidade.

É dicir, coa redución do tráfico da última década Pontevedra deixou de emitir media tonelada de CO2 por habitante e ano, ou o que é o mesmo, máis de quilo e cuarto ao día. Unha situación que mellorou nos últimos anos e que continuará nesta liña ao implantar un transporte público eficiente e eficaz.

A loita diaria de case 84.000 pontevedreses contra o cambio climático é evidente.

A cidade leva compostada máis de 300 toneladas de biorresiduos, que non se mandaron incinerar a Sogama e que produciron 50 toneladas de compost, equivalente ao abono para 28.000 m2 de hortas e xardíns.

Lévanse plantadas máis de 400.000 árbores e o Concello continuará traballando co obxectivo de chegar, cando menos, a un millón, levando adiante un impulso definitivo do programa Monte Vivo de recuperación das masas forestais autóctonas e de prevención dos incendios forestais.

E non dubido de que Pontevedra poderá ver, ao fin, a súa cidade e a súa ría libre de fumes nocivos e contaminación. Unha realidade á que non renunciamos e na que sempre nos atoparán os pontevedreses e as pontevedresas.