Voz de muller na política local

PONTEVEDRA CIUDAD

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En abril de 1979 tiñan lugar as primeiras eleccións municipais democráticas en España. Esta cita foi tamén histórica para nós, para as mulleres. Porque 103 mulleres de todo o Estado, 6 galegas, convertéronse nas primeiras alcaldesas, gobernando en concellos pequenos. No 1979 estas 103 mulleres representaban o 1,2 % dos cargos electos, pero esa mínima porcentaxe marcou un antes e un despois. Elas, mulleres pioneiras e loitadoras, abriron o camiño para que moitas seguísemos os seus pasos e apostásemos por ocupar espazos públicos, por liderar corporacións locais.

Corenta anos despois, o avance é claro pero non suficiente. Temos que loitar para que o 52 % da poboación que somos as mulleres ocupemos o espazo que nos corresponde na sociedade e na política local. Tras as últimas eleccións, no 67 % das corporacións da área de Pontevedra as mulleres somos menos da metade. Quero reivindicar que non podemos ser nunca menos do 50 %. Temos que ocupar, por dereito, un espazo relevante nas corporacións xa que somos máis da metade da poboación e é a administración máis próxima á cidadanía. Precisamos gobernos locais con voces de muller, con novas formas de liderado para garantir que podamos superar todas as discriminacións que padecemos, impulsar espazos de convivencia e onde vivir seguras, de igualdade e de respecto á diversidade, que garantan os dereitos para todas e todos. Os gobernos locais precisan a nosa voz para impulsar orzamentos máis equitativos, que impulsen políticas de subvencións que discriminen positivamente ás mulleres. Precisamos voces de muller para defender o respecto ao medio ambiente, a construción de cidades amables, onde o urbanismo contemple as novas demandas dunha sociedade que esixe calidade de vida. Precisamos voces de muller para deseñar unha política turística e industrial sostible. Demandamos formar parte do deseño de políticas de emprego que asuman a necesidade de novos horarios para favorecer a corresponsabilidade entre homes e mulleres. Non haberá unha política local do século XXI se non estamos nós, as mulleres, na toma de decisións. Chegamos aquí para quedarnos e imos conseguilo máis pronto que tarde.