José Berdullas: «Non incrementar recursos é unha cuestión política»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Martina Miser

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Berdullas Barreiro (Santiago, 1980) traballa como psicólogo clínico na Unidade de Saúde Mental de Vilagarcía. Alude a que o incremento dos problemas de saúde mental non levou aparellado un aumento de recursos na área sanitaria.

-Por se alguén non o sabe, ¿que é un psicólogo clínico?

-Para que se entenda ben a diferenza entre un psicólogo e un psicólogo clínico é a mesma que entre un médico e un cardiólogo. O pir, como o mir dos médicos, é o que dá o maior nivel de especialización. Igual que os médicos, todos os psicólogos que traballan no Sergas ou centros concertados teñen que ser especialistas en clínica.

-¿Crece a demanda de atención psicolóxica?

-Unha de cada tres consultas de atención primaria ten que ver coa saúde mental, sobre todo, temas depresivos e ansiosos. O tema da saúde mental en primaria hai que abordalo inmediatamente. Por iso entendemos que temos que traballar cos compañeiros de primaria sen abandonar a especializada, por suposto. É fundamental coller todas esas dificultades a tempo e evitar sufrimento.

-Non pertencen a día de hoxe á primaria, pero entenden que deberían estar. ¿Por que?

-Entendemos que non podemos non estar.

-Din que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está á cola en número de psicólogos clínicos...

-Galicia está moi mal con respecto ao resto do Estado español, cunha taxa media de 3,51, con esa taxa en Pontevedra pasariamos dos oitos profesionais actuais a doce. En España é de 5,7, máis que duplica a de Pontevedra. Os cidadáns de Pontevedra non teñen o mesmo acceso que o resto dos galegos ou os españois aos tratamentos psicolóxicos, polo que a súa saúde mental vese mermada. Por non falar xa de Europa, onde segundo os datos a media está en 9 ou 18.

-Iso pasa a pesar de que a demanda da poboación é maior. ¿Por que non houbo un aumento de recursos?

-Galicia é unha área especialmente complicada, é unha das comunidades con maior índice de depresión e ansiedade e con maior número de suicidios en termos relativos. A demanda crece e coa crise económica a saúde mental da poboación sempre empeora. A propia OMS xa alertaba diso. Na atención especializada tamén aumentou a demanda cando a técnica médica non chega. Eu entendo que non incrementar recursos é unha cuestión política.

-¿Por que o cre? ¿A saúde mental é a irmá pobre da sanidade?

-No ano 97 a consellería fixo un estudo para valorar a saúde mental naquel momento. En Galicia se estaban cubrindo só o 50 % das prazas necesarias naquel ano. Dende entón ata agora, aínda a pesar de que aumentaron as necesidades, non se creou ningunha praza. En Pontevedra, cos datos do 97, estariamos cubrindo só o 40 % das prazas necesarias xa naquel ano.