Pontevedra celebra a diversidade sexual

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

ROI FERNANDEZ

22 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A concelleira de Igualdade Carme Fouces, presentou onte «unha batería de actividades verbo da celebración do 28 de xuño, o Día do Orgullo LGTBI». Fouces apuntou a existencia no Concello de Pontevedra dun programa estable e con continuidade como é o Pinto e Maragota sobre a diversidade sexual, que realiza encontros, e tamén actividades con centros escolares e divulgativas, tales como os Faladoiros que presentou onte. O primeiro deles, con carácter de Cóctel Literario, terá lugar hoxe mesmo ás 20.30 horas na Libraría Paz e contará co autor Antón Lopo, e xirará sobre a súa obra Extraordinario, Premio Narrativa Breve Repsol.

Pola súa banda, o FLOP Cinema celebrarase do martes 28 ao sábado 1 no Teatro Principal, e está ideado como «unha escolma do cinema máis clásico ao máis actual» realizada por Cineclube Pontevedra, Novos Cinemas, FIC Bueu, Pinto e Maragota e Asociación Avante.

Os filmes seleccionados tratan cuestións diversas como a vida dunha muller transexual (Un ano con 13 lúas, o martes 28 de maio) a relación de dúas xitanas lesbianas (Carmen y Lola, o 31 de maio ) ou a sida (120 pulsacións por minuto, o 1 de xuño). O programa inclúe tamén, para o día 29 de maio, o filme Puta y amada. E para o 30 deste mesmo mes está prevista unha selección de curtametraxes coa identidade de xénero na adolescencia. Trátase de tres películas seleccionadas pola organización do FIC Bueu, dúas delas de xénero de ficción (unha de animación e outra de imaxe real) e unha terceira, documental.

O FLOP Cinema celebrarase no Teatro principal e todas as proxección son ás 20.30 horas.

Hoxe • 20.30 hora • Entrada libre • Libraría Paz • faladoiro arredor da obra Extraordinario, de Antón Lopo