«Cunha base social pequena, temos que sachar votos nas hortas dos demais»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, afirma que «en ningunha campaña nunca atopei na rúa o apoio que estou a atopar agora»

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga 1954) leva vinte anos como alcalde de Pontevedra. E quere, cando menos, catro máis. Porque afirma que goza do seu traballo, que a cidade ten futuro e que, como din o seu lema de campaña, O mellor está por vir.

-¿Como convence a un veciño de que vote ao BNG?

-Somos un goberno serio, con coñecemento profundo da xestión municipal, avalado por unha boa xestión, que puxemos a Pontevedra no mapa e que estamos en condicións de avanzar e se temos unha maioría suficiente, de avanzar moito máis rápido... É que o mellor está por vir.

-Xa me colou o eslogan...

-É qué é así. O mellor está por vir non é algo que puxemos aí como aquilo de Castilla-León es vida, que intentaba negar a evidencia. Eu estou plenamente convencido de que o mellor está por vir, de que esta cidade ten futuro, e que está na boca de todo o mundo. Tíñamos que estar nestes días en Oslo, en Lima... Hoxe Pontevedra está no candeleiro. Isto era impensable hai uns anos.

-Leva vostede nove campañas municipais. ¿Que sensacións ten nesta?

-Nunca atopei na rúa o apoio que atopo agora. Escoito constantemente «vais a arrasar, vais a arrasar», e iso preocúpame. Vexo cousas positivas cara a min e ao proxecto que non tiña visto nunca, pero non sei ata onde chega iso. O que nós dicimos de que somos optimistas, de que hai bo ambiente, de que hai un traballo feito que se valora moi ben, é algo positivo. Levo tempo dicindo que non poñemos límites.

-Nas municipais do 2015 o BNG tivo 17.050 votos. Nas xerais de hai un mes, 3.436. O día 26 volveran a dispararse. ¿Cal é o segredo?

-Temos unha eiva, que é que nós somos unha forza política cunha base social pequena, e para as municipais temos que estar sachando nas hortas dos demais. Iso é así. E é moi complicado. Que teñamos hoxe 12 concelleiros ten un mérito tremendo.

-Teño que preguntarlle se, no caso de gañar, vai a haber Lores para rato. ¿Rematará o mandato?

-Me presento con todas as da lei. Indiscutiblemente non vou ser eterno, pero levo tempo dicindo que estou no meu mellor momento. Non teño a máis mínima dúbida. Teño un equipo impresionante, estamos en condicións de facer cousas, síntome moi a gusto.

«Supoño que molesta que nesta cidade haxa un alcalde que non se cala»

Se repite como alcalde, o primeiro que fará Lores será sentarse con outras Administracións para falar de temas pendentes.

-Nestas entrevistas estou a preguntar aos candidatos cal sería a súa primeira medida como alcalde. Facerlle a pregunta a alguén que leva vinte anos gobernando igual está fora de lugar.

-Prometer cousas é moi fácil. Pero logo está credibilidade. Nós temos que estar tranquilos e mandar unha mensaxe de optimismo. O que dixen no mitin central, «mire, compare e se atopa algo mellor vóteo», é clave. A xente que pense que isto vai mellor con nós, que aposte por mellorar Pontevedra. Porque esa é a nosa obsesión: mellorar Pontevedra e mellorar Galicia.

-¿Entón, a primeira medida?

-No 99 , cando entramos no goberno, nun mes peatonalizamos o centro histórico. Iso foi unha primeira medida... Xa gobernando é distinto, trátase de rematar o traballo e seguir avanzando. Temos unha cantidade de proxectos en marcha bestial. As piscinas, Loureiro Crespo, o Gorgullón, a Santiña, acabar o local do Burgo, empezar o local de Os Campos, sacar a contratación o pavillón de A Parda... Imos a tal velocidade que non nos da tempo. Quizais o máis importante despois das eleccións, porque son proxectos que logo se eternizan no tempo, sexa ter reunións con outras Administracións para pechar temas pendentes. Con Fomento e o Ministerio para a Transición Ecolóxica haberá que falar da circunvalación, do nó de bombeiros, do paseo a Marín, o proxecto de Mollavao, que está listo e soamente pendente dun permiso de Costas... Coa Xunta temos que falar do hospital, da variante de Alba...

-Da a sensación e que este goberno local ten unha eiva nese sentido. Non acaba de entenderse coas outras Administracións.

-Non teño feito un análise comparativo, pero ¿qué están a facer outras Administracións en Ourense, ou mesmo en Vigo? Porque eu non vexo moito.

-Pero ¿por que estamos á cola en certas cousas? Que Pontevedra é a única cidade de España sen circunvalación é un feito.

-Pois non o sei, non o sei. Levamos décadas reclamando a circunvalación. Era a primeira reivindicación da plataforma do 5-X [a manifestación que o 5 de xuño de 1998 sacou a miles de persoas á rúa e marcou ou inicio do cambio de goberno en Pontevedra, que chegaría un ano despois con Lores na alcaldía]. É evidente que as Administracións do PP frearon durante moitos anos as inversións de Pontevedra. Supoño que molesta que en Pontevedra haxa un alcalde dunha forza pequena e nacionalista, que non se cala, e que se ten que declarar persoa non grata a Rajoy ou queixarse polo trato da TVG ou porque non haxa unha delegación na cidade, o fai.