«O conflito da primaria segue aí, as respostas son tibias e isto non é un berrinche dun día»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

02 may 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Xoán Carlos Eirea Eiras (Santiago, 1962), médico no centro de saúde de Bueu, era un dos representantes da área de Pontevedra na Coordinadora Galega de Atención Primaria. Coma un «paisaniño máis» e non como portavoz, di, comenta o novo escenario aberto trala desconvocatoria da folga de abril.

-¿A desconvocatoria da folga foi o motivo da súa marcha da Coordinadora Galega de Atención Primaria o pasado 24 de abril?

-Eu decidín abandonar non tanto como membro da asamblea de Pontevedra senón como vicepresidente de Agamfec, que tamén se foi da coordinadora. Cada cousa ten o seu detonante. Evidentemente este movemento na primaria tivo o seu detonante na dimisión dos xefes de servizo de Vigo e a desconvocatoria da folga e o feito de como se terminou realizando serviu de catalizador para cuestionarnos se o sistema que estabamos levando a organización era o que recollía o sentimento da xente.

-O novo sistema é a chamada Asamblea de Áreas Sanitarias (AAS). ¿En que punto está Pontevedra?

-Estamos falando de cando facer a asamblea, podería ser este venres, e se non o luns ou o martes. Foi xa a de Vigo, onde se plantexou unha convocatoria de folga para finais de maio, pero autoorganizada. Non convocada a través dos sindicatos, senón de asambleas de traballadores e con votación secreta. Hai que facer dúas asambleas en cada área para confirmar a folga.

-¿Tampouco lles convence a mesa sectorial para abordar as reivindicacións de primaria?

-Un dos feitos da desconvocatoria da folga que firmaron o Sergas e os sindicatos era que se ían abordar os temas reivindicativos nunha mesa sectorial. Esta mesa celebrouse o 26 de abril e foi francamente decepcionante porque non se abordou practicamente nada. O Sergas dedicouse a dar datos sobre convocatorias de oposicións que xa coñeciamos. Non hai incremento nin análise de futuro. Vai sacar 1.500 prazas das cales 700 son de auxiliares de enfermería que irán todas para os hospitais porque en primaria están desaparecendo os auxiliares de enfermería.

-¿Como é a día de hoxe o sentir dos profesionais nesta área?

-A xente enfadouse coa desconvocatoria e o sentir fundamental é de desánimo. A desconvocatoria foi como pinchar un globo que estaba enchéndose de aire fresco e se quedaba algunha expectativa para ver que se conseguía na mesa sectorial pois tampouco estamos atopando ningunha resposta.

-¿Hai base para seguir a postura belixerante de Vigo noutras áreas?

-Vigo vai un pouco por diante nos tempos porque a dimisión dos xefe de servizo produciuse despois dun ano e medio negociando cambios coa Xerencia. O que imos palpando é que se están convocando asambleas en todas as áreas, polo que a semana que vén seguramente se verá que o conflito segue aí. As respostas son tibias.

-¿Van manter as concentracións dos xoves nos centros de saúde?

-Si. É algo que costa. No meu centro de saúde temos recollidas en fotos todas as veces que saímos. Está claro que non é un berrinche dun día, levamos desde finais de xaneiro.