«Un pontevedrés durou catro anos nun campo nazi no que case todos morrían aos seis meses»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

¿Como logrou sobrevivir Antonio tanto tempo en Gusen? Álvarez continúa buscando respostas

28 ene 2020 . Actualizado a las 10:47 h.

Ao historiador pontevedrés Xosé Álvarez Castro, profesor xubilado, gustáballe dicir nas súas clases que «sabemos pouco do pasado e, do pouco que sabemos, moito é mentira». Quizás por iso el non deixa de investigar, de tecer fíos, ás veces imposibles, na historia recente e traballar niso que se deu en chamar a memoria histórica. Del son títulos como Pontevedra nos anos do medo, sobre a represión franquista. E de el é unha parte da investigación que fixo que o Concello de Pontevedra puidese homenaxear aos veciños que foron vítimas dos nazis. Para iso, Álvarez Castro escudriñou en arquivos en alemán. E atopou as historias de Macario Cortegoso, Manuel Pérez, Antonio Gómez, Manuel Coto, Claudio Tizón e de Urbano Sanmartín. Quizás porque é de Mourente coma el ou porque foi a primeira que investigou, o caso de Urbano Sanmartín deixouno marcado. E tamén o de Antonio, pola súa singularidade.

-Así que a investigación sobre os pontevedreses vítimas dos nazis arranca buscando o rastro de Urbano Sanmartín, de Mourente, coma vostede...

-Pois si. Como adoita pasar, partía dalgunha pista. E o primeiro foi consultar os arquivos do Servizo Internacional de Rastreo -o maior arquivo nazi do mundo-. Pedín datos do campo de Mauthausen-Gusen, que foi o destino da gran maioría dos españois. E, efectivamente, alí figuraba Urbano. E alí indicaba que a súa procedencia era Pontevedra. Houbo que ir tirando do fío e ir descubrindo que Urbano, nun primeiro momento, marchara a Cuba. E posiblemente de aí volveu pero non a Pontevedra, senón a Lleida, onde tiña o domicilio nun pobo chamado Almacelles. Debeu ser dende aí dende onde pasou a Francia.

-¿Como chegou ao campo de concentración de Mauthausen?

-Foi deportado e formou parte dunha expedición enorme de españois. A estación estaba a cinco quilómetros do campo e dende alí, a menos trinta grados de madrugada, ían andando mentres uns cans encirrados os atacaban. Os que quedaban atrás, porque estaban coxos ou porque non tiñan folgos, íanos fusilando. Leváronnos, dentro de Mauthausen, ao subcampo de Gusen, que era moito máis duro, cunhas canteiras tremendas. Era, practicamente, un campo de exterminio.

-E alí morreu Urbano...

-Si. Alí morreu aos poucos meses. A causa oficial da morte foi unha pericardite. Sospeito que puideron poñerlle unha inxección de gasolina no corazón, algo que era bastante habitual.

-¿E que pasou con Antonio Gómez, outro dos pontevedreses que estivo en Gusen?

-Antonio representa un caso moi curioso. É a historia dun pontevedrés que durou catro anos nun campo no que case todos morrían aos seis meses. El chegou no 1941 e non morreu ata 1945, tal e como figura nos arquivos. ¿Por que? Non o sei. Pode que fixera un traballo que lles fose moi útil e decidiran non matalo, que tivera un posto favorable. Na súa ficha pon solo que era un traballador, non especifica máis. Pode que a súa xuventude, xa que tiña trinta anos, o axudara... Non o sei. A pena é que morreu soamente uns meses antes de que se liberara o campo.

-¿Lograron localizar á familia?

-Non. De feito hai unha incógnita coa procedencia. Na ficha pon que era de Pontevedra e pon un enderezo no número 57 da rúa San Bartolomé. Esa rúa non ten tantos números. E tampouco aparecen apelidos Gómez aí. Pero iso non significa nada.

-O Concello homenaxeou a sete pontevedreses vítimas dos nazis -un deles natural de Lleida pero despois afincado en Campañó-, ¿pode que haxa máis e non se saiba aínda?

-Non nos cerramos a esa posibilidade, pero é difícil. Case todos os españois foron a Mauthausen-Gusen. E os arquivos desde campo si os revisei todos. E aí aparecen esas persoas que foron homenaxeadas. Pode que algún haxa fora de aí. Non o sabemos. Sabemos pouco do pasado...