Fontán gaña outra votación cara a xefatura do C-1.000 español

O canoísta do Náutico O Muíño faise coa praza do Mundial Júnior co seu triunfo na Copa de España do quilómetro


A semana pasada arrincaba para o piragüismo arousán con Teresa Portela e con Iago Monteagudo como protagonistas. Coa canguesa afincada no Grove facéndose coas prazas da selección española no K-1 200 e 500 femininos da Copa do Mundo de Duisburgo e dos Xogos Europeos. E co padexeiro meisino do Naval de Pontevedra abríndose paso no K-4 1.000 do Mundial Absoluto e no grupo do que sairá o olímpico K-4 500 no Mundial Sub-23. O sábado o canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán engordou a nómina de internacionais arousáns neste 2019 en proceso de arrinque. Facéndose coa titularidade do tamén olímpico C-1 1.000, no seu caso no Campionato do Mundo Júnior que se disputará no mes de agosto en Rumanía. Un dereito adquirido logo da súa impoñente vitoria na final da Copa de España de 1.000 metros disputada a pasada fin de semana no encoro asturiano de Trasona, marcada pola inclemencia meteorolóxica que mesmo obrigou á suspensión de varias probas.

A dicir verdade, Fontán non tivo rival. Cun crono de 4.21.373, o arousán sacoulle nada menos ca 2 segundos e 31 centésimas ao subcampión, Cayetano García de la Borbolla, do Náutico de Sevilla. Unha nova vitoria dun padexeiro afeito ao máis alto do podio desde que a idade lle permitíu debutar nun campionato de España, na categoría infantil, e convertido no máis firme candidato á xefatura do C-1 1.000 hispano absoluto, sen dono desde a retirada do omnímodo David Cal. Júnior de segundo ano, Fontán estreouse como internacional no 2016 sendo inda cadete de primeiro ano, e xa posúe os títulos do C-1 200 e 500 dos Xogos Europeos da Mocidade, sendo ademais o vixente subcampión europeo do C-1 1.000 Júnior.

A Copa de España de 1.000 deixou tamén a prata de Diego Romero e de Tono Campos no C-2, o ouro de ambos no C-4 do Breogán, e o bronce do paracanoísta Silvestre Besada, do P. Cambados, no KS1 (especial) 200m.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Fontán gaña outra votación cara a xefatura do C-1.000 español