As promesas do rock saen ao escenario do Pazo da Cultura

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

Rapaces de entre 4 e 10 anos protagonizan o espectáculo que pecha o venres o salón do libro

09 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil encara a súa recta final, nunha semana que terá o colofón o venres coa revolución do que, a bo seguro, será a futura escena roqueira de Pontevedra. Como broche a esta cita coa literatura, programouse o espectáculo musical Veñan máis 20! en clara referencia ás dúas décadas que alcanzou o salón neste 2019 e no que os nenos do RockLab amosarán a súa arte no Pazo da Cultura.

Deste xeito, a partir das seis da tarde, desenvolveranse tres actividades protagonizadas polos rapaces de entre 4 e 10 años que participan neste proxecto auspiciado polo Concello de Pontevedra. Así, na primeira, tomando como punto de partida o imaxinario de H. G. Wells na súa Guerra dos Mundos, os máis pequenos reformulan a reinterpretación radiofónica que fixo posteriormente Orson Wells «cun espectáculo musical tocado en directo por eles e cunha carga audiovisual moi grande», destacou onte Gonzalo Maceira.

Tomará o relevo A humanidade contra a máquina, en palabras do propio Maceira, «unha viaxe temporal dende os setenta ata a actualidade con cancións de música electrónica. Dentro da temática do salón, A Revolución, trátase da revolución das máquinas». A musica estará acompañada dunha proxección audiovisual que permitirá que o público se adentre nunha nave espacial.

E como peche, a emisión dun cortometraxe composto por catro sketchs asociados a outros tantos temas da música afroamericana de principios do século XX, dende Nina Simone ata James Browm. «A película está feita polos rapaces e acompañarase de música en directo», destacou Gonzalo Maceira, quen recoñeceu que un dos aspectos máis complicados foi deseñar a actividade: «Tes que romperte moito os cornos».

De igual modo, aludiu á corta idade dalgúns dos músicos. Xa non se trata de que hai que ensinar a tocar os instrumentos, senón, tamén, a xestionalos traballando coas súas emocións para que «sexan capaces de concentrarse. Parece unha tontería, pero non o é».

Á hora de sacar adiante este proxecto, os propios responsables do RockLab tiveron que estudar e investigar sobre instrumentos de última xeración, caso dos modernos sintetizadores, caixas de ritmos ou os theremíns.

A entrada é de balde ata completar o aforo.