Se queres revolucionarte, Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

O Salón do Libro, ese xigante cultural que está agora en plena ebulición, versa este ano sobre A Revolución. Contadores, músicos e escritores poñen na pista aos nenos para facela eles mesmos

08 abr 2019 . Actualizado a las 09:57 h.

Hai xa un tempo que a Pontevedra se lle podería pór o alcume de cidade revolucionaria. Porque se plantou ante os coches e ante a vida ás présas e decidiu apostar por unha urbe distinta: calmada e con nenos xogando nas rúas en vez de con automóbiles pitando. E coa súa filosofía fíxose famosa ata nas antípodas. Pero a revolución pontevedresa vai moito máis aló. E ten na cultura un dos seus referentes. Así, hai xa vinte anos, decidiu apostar forte polo Salón do Libro. Dúas décadas despois, esa iniciativa é un buque insignia. Familias con cativos de toda Galicia viaxan estes días -está aberto ata o 12 de abril- á cidade do Lérez para descubrir o que esconde o Salón este ano. Os colexios tampouco perden esta excursión a unha cita que inclúe máis de trescentas actividades. Que atopan? Non encontran, senón que viven de cheo unha experiencia cultural enorme. Nesta edición, a protagonista é A Revolución. Con talleres, con palabras, con xogos, con imaxes, con tantos e tantos fermosos recursos, fánselle vivir á rapazada as revolucións que cambiaron a historia. Mergúllanse na revolución feminista, na das cidades, na que experimentou a moda... Pero, sobre todo, conséguese que os propios cativos queiran revolucionarse. E para ben. «Hai que facer a revolución para ter un mundo mellor», proclamaba este venres Martina, alumna do colexio Froebel.

CAPOTILLO

O Salón do Libro celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra, nun amplísimo espazo no que os rapaces, sobre todo, son libres. E é quizais por iso polo que tanto gozan. Son libres de pensamento, de palabra e tamén de acción. Porque no Salón, ademais de ler e escoitar, case todo se pode tocar e sentir. Todo está cheo de cor, cada milímetro de decoración está repensado e ten o seu sentido detrás. Non obstante, o Salón ten algo de máxico e parece un eterno folio en branco onde cada visitante, coa súa imaxinación, ten que ir construíndo as súas propias ideas... Explicábano moi ben dúas nenas, que saían dun recuncho no que se fala da cidade ideal e no que as paredes están cubertas de maquetas dunha urbe: «Vendo como son as cidades, pensei que boto de menos máis xardíns para os animais», indicaba. «Pois eu poría máis bambáns», razoaba a outra.

TRABALLOS DE SESENTA COLEXIOS

Outra das grandes características do Salón é o seu perfecto caos. Porque alí dentro hai ducias de actividades á vez -dende contacontos a teatro, pasando por concertos-, nenos cheos de vida correndo de aquí a aló ou exposicións ocupando todos os corredores. Porén, todo ten o seu fío condutor. Basta con ver, por exemplo, as maquetas cos traballos que expoñen sesenta centros educativos. Cada centro entendeu ao seu modo o que é a revolución, dende os que plantaron un enorme xabaril comendo verde para falar dos montes galegos aos que se centraron na alimentación saudable, pasando polos que presentaron traballos relacionados coa reciclaxe. Todos incluíron frases desas que fan pensar e que recollen o espírito do Salón. Citemos algunha. Ao lado dun calzado vermello, os nenos da escola infantil de Monteporreiro escribiron: «Se agachas a cabeza, que sexa só para mirar para os zapatos». Os alumnos do IES A Xunqueira I, non obstante, puxeron: «A revolución son as nosas accións».

CAPOTILLO

Os traballos dos colexios, expostos ao longo e ancho do Salón, son o pasaporte perfecto para ir chegando a espazos nos que tanto se descobre a revolución que significou a minisaia como os poemas de Antonio García Teijeiro, autor homenaxeado este ano, ou unhas ilustracións tremendas que contan a vida dun rapaz que traballa nas minas no Brasil. Si ou si hai que meter o nariz nalgúns dos obradoiros que se celebran. O venres, na planta superior, había uns rapaces facendo un taller sobre a revolución dos caraveis. Tegra, a monitora, explicaba que se trataba dun scape room, é dicir, os meniños non podían saír da sala ata pasar determinadas probas. Eses retos tiñan que ver coa Revolución dos Caraveis. Así, tanto compuxeron unha canción como se fora o Grândola, Vila Morena como fixeron caraveis vermellos con papel. Pero, sobre todo, sentiron: «A través dun xogo, con caramelos, facémoslle sentir a sensación de inxustiza, xa que hai uns rapaces que traballan para conseguir uns caramelos e logo outros quedan con eles sen ter traballado. Queremos que experimenten esa sensación de que algo non é xusto e que decidamos como amañalo», indicaba.

MOITO ESPAZO PARA LER

Como non podía ser doutra maneira, no Salón hai moito espazo para ler. Son recunchos moi especiais, mimados ata o infinito para facelos atractivos. Ademais, cada ano hai unha literatura convidada. E nesta ocasión a protagonista é a cultura da lusofonía. Así que o visitante terá ocasión de ler e escoitar sons portugueses. «Isto que leo aquí debe ser idioma do Brasil, porque temos un compañeiro de clase que veu de alí e fala así», dicía unha meniña chamada Iria, de tan só seis anos, que estaba absorta escoitando a unha monitora falar de mulleres importantes do país veciño.

Aínda hai tempo para acudir ao Salón, xa que non pecha ata a tardiña do 18 de abril. O que queira visitalo debería mirar a páxina web www.salondolibro.gal, onde atopará o programa de actividades. Entón verá que o ten difícil para elixir qué facer. Pero quen dixo que facer a revolución sería doado?

CAPOTILLO