«Sempre loitei contra as inxustizas e alégrame que me poidan ver como unha referente do feminismo»

La Voz PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Víctor Moreno

A veterana militante Maruja Serafín, de 83 anos, recibe a homeaxe do PSOE

14 mar 2019 . Actualizado a las 10:34 h.

«Non me gustan as homenaxes, pero sempre loitei contra as inxustizas e alégrame que outras mulleres me poidan ver como unha referente do feminismo e da loita polos dereitos veciñais e sociais». Con moita humildade e unha emoción difícil de disimular recibía onte a veterana militante socialista e dirixente veciñal de 83 anos María Avelina Serafín López a homenaxe dos seus compañeiros e compañeiros de partido con motivo do Día Internacional da Muller.

Militante activa do PSOE pontevedrés dende 2001, Serafín foi durante moitos anos a voceira das reivindicacións dos veciños de Estrigueiras, A Fontesanta e Campolongo Sur, unha labor á que pode mirar con moito orgullo: «Loitei moitísimo e a verdade é que estou feliz das cousas que conseguimos polo barrio». Nai de sete fillos, e con doce netos e seis bisnetos, a homexeada, que tivo que criar e «coidar soa dos nenos», amosou a súa repulsa contra a violencia machista, afirmando que lle pon «a pel de galiña o que se está a facer coas mulleres e cos nenos».

A súa implicación na vida política e no seo das forzas vivas da cidade segue a ser moi activa, até o punto de pechar xunto con José Benito Gama a candidatura coa que o PSOE concurrirá ás vindeiras eleccións municipais. De feito, a pesares da súa idade e de ter dúas prótesis de xeonllo por culpa dun accidente de tráfico, asegurou hoxe que está en plena forma para participar na campaña e que «pelexará polo partido até que caiga morta».

O acto de homenaxe que tivo lugar na sede do PSOE en Pontevedra contou cunha nutrida asistencia de militantes e simpatizantes socialistas, entre os que se atopaban a secretaria xeral da Agrupación Municipal, Maica Larriba, e o candidato á Alcaldía, Tino Fernández, así como a número dous da lista para as eleccións municipais, Gloria Blanco; a secretaria de Igualdade, Paloma Castro, e a activista feminista e LGTBI Ada Otero. Ademais da xa tradicional entrega dun ramo de rosas vermellas e do agasallo dunha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos, os compañeiros de partido tamén lle fixeron a Maruja Serafín un vídeo de agradecemento pola súa inxente labor.

A secretaria xeral da Agrupación do PSdeG-PSOE de Pontevedra, Maica Larriba, subliñou a grande figura e exemplo que Maruja representa para os socialistas pontevedreses. «Amais, eu teño unha vinculación moi especial con Maruja, á que considero como unha máis da miña familia», sinalou.

«Para todos e todas nós, Maruja representa ese compromiso social que os e as socialistas temos no noso ADN e que temos a obriga de dar a coñecer aos máis xóvenes para que sexa unha inspiración de futuro», salientou Larriba.

Pola súa banda, Tino Fernández, destacou «o seu compromiso coa loita polos dereitos sociais e veciñais», a súa «forza e enerxía» e o seu carácter «inconformista, insubmiso e feminista». «A súa natureza socialista, progresista, reivindicativa e feminista é un verdadeiro exemplo a seguir, non só para os membros do partido, senón para toda a sociedade», apuntou o candidato á Alcaldía.

Con este xa tradicional recoñecemento en torno ao 8M, o PSOE pretende visibilizar a labor dalgunhas das moitas mulleres que, a través da súa loita e traxectoria persoal e profesional, traballan na defensa dos ideais socialistas de feminismo, liberdade e xustiza.